Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Mente feita materia

Arredor de trinta pezas de gran e pequeno formato resumen a longa traxectoria creativa de Silverio Rivas na Casa das Artes de Vigo, nunha mostra na que se reflicte a tensión habitual nunha obra baseada no enfrontamento entre o pensado e o material

A ESCULTURA de Silverio Rivas ocupa un lugar de privilexio na nosa creatividade contemporánea, e esta exposición, se algo amosa, é esa condición a través dun percorrido moi ben pensado e desenvolvido no espazo da Casa das Artes de Vigo ata o día 31 a cargo do propio creador e o comisario Javier Buján. Aposta o Concello de Vigo nestes tempos de tantas incertezas pola reflexión arredor dun dos seus valores máis seguros, o dun artista que, aínda que nado en Ponteareas en 1942, ten un forte vencello coa cidade olívica.

Mente/Materia é a dobre dinámica que se propón neste curto pero intenso e clarificador percorrido ao longo dunha serie de pezas que como fitos vitais vannos levando polo tratamento que ao longo do tempo afrontou o autor de diferentes materiais, que van dende a mármore á madeira, pasando polo aceiro, o granito negro o poliéster ou o bronce, entre outros, e que amosan esas posibilidades de análise do material como desafío e tamén como achega a unha concepción da escultura baseada no debate das formas, na confrontación entre o baleiro e a materia, e nese sutil equilibrio que xorde da propia peza e o espazo que a contén.

Adentrarse nesta exposición, percorrer e rodear cada unha destas esculturas, supón debater a carón do propio Silverio Rivas co espazo e como éste acolle cada unha das pezas, diferentes nas súas propostas e tamén cun punto de desafío co espectador na adaptación de linguaxes contemporáneas a postulados procedentes da nosa longa tradición escultórica.

As súas abstraccións, as concepcións de carácter orgánico, a ausencia de distraccións dese fondo conceptual que sustenta cada un dos seus traballos limpos de ornamentos, emerxen en cada peza

As tres espectaculares obras que nos reciben no espazo central da exposición son toda unha declaración de intencións, dende as súas abrumadoras dimensións, do que nos imos atopar ao facer o percorrido ao resto da mostra. En cada unha delas amósase dun xeito singular esa loita entre a materia e a súa relación co espazo, e como os baleiros se activan e traballan ata despois do feito no taller. As súas abstraccións, as concepcións de carácter orgánico, a ausencia de distraccións dese fondo conceptual que sustenta cada un dos seus traballos limpos de ornamentos, emerxen en cada peza das aquí escollidas como un instante determinado na súa traxectoria que vai dende a aprendizaxe, o coñecemento da realidade escultórica moderna no exterior do noso país, o desafío dos materiais e o virtuosismo técnico, a pegada de Chillida e Oteiza, a súa achega ao movemento Atlántica e a renovación da escultura galega, a súa escultura pública e sobre todo un xeito permanente de entender a escultura como un campo de experimentación inesgotábel.

Perfectamente dispostas e entendendo tanto a súa distribución no espazo como as relacións que se establecen entre as pezas da mostra os diálogos xorden entre obras e tempos, ratificando a confianza no feito, amosando como lonxe de modas ou sensacións un fío argumental enguedella cada unha destas obras, dende as máis lixeiras ata as máis pesadas, dende as que penden do teito ata as pequenas pezas que, colocadas sobre dúas mesas, nos falan de que a escultura non vai tanto de tamaños como do estudo da súa tridimensionalidade.

Tanto nas toneladas de granito negro como nun pequeno bronce as leas internas da obra tradúcense na consolidación dunha proposta escultórica que, vista dende a madurez propia da idade do seu creador, non deixa de abraiar e que, neste caso concreto, en función dunha montaxe que se afasta do cotiá, e que propón novas lecturas das súas obras a través da confrontación entre elementos contrarios como a forza e o leve; o baleiro e a materia; o interior e o exterior; a xeometría ou a organicidade, para concluír nesa aposta do comisariado porque a exposición condense a proposta inicial, a doutra parella de significados como é mente e materia. Todas elas son vías paralelas que un nunca pensan que poidesen cruzarse, pero que dende a xenialidade de Silverio Rivas atopan un cruce convertido en peza, presentado nunha obra na que resumir toda unha vida, toda unha traxectoria arredor da materia e como ela é quen de darlle corpo á mente.

Comentarios