A miniserie 'Camiñantes do noso' mostra a visión que teñen os anciáns do Camiño

O documental, que consta de 10 capítulos, estrearase o venres 4 de decembro por internet 
20201201-637424241589246332
photo_camera Rubén Riós e Valentín García. EFE

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este martes, xunto co autor, produtor e protagonista, Rubén Riós, a miniserie documental 'Camiñantes do noso', un proxecto que porá en valor, a través do testemuño de 10 anciáns, a lingua e identidade galegas co Camiño de Santiago como pano de fondo. 

A miniserie, que se enmarca no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, constará de 10 capítulos de cinco minutos de duración cada un, nos que o actor Rubén Riós percorrerá as dez etapas da Vía da Prata que separan A Canda, na provincia de Ourense, de Santiago de Compostela. Cada capítulo abordará, desde a perspectiva e experiencia dos máis maiores, un tema concreto como o Camiño de Santiago, o abandono rural, o coronavirus ou a violencia de xénero, entre outros. 

Na rolda de prensa celebrada no Pazo de San Roque, sede do departamento de Política Lingüística, Valentín García, destacou o acerto de unir o Camiño de Santiago co "camiño vital" dos anciáns, así como o recoñecemento do seu papel na "creación da Galicia presente e futura". 

O secretario xeral referiuse a esta xeración como un modelo para todos no tocante ao galego. "As novas xeracións temos a responsabilidade de recoller ese legado e entregarllo aos que veñen detrás", comentou o secretario xeral. 

Pola súa banda, Rubén Riós, responsable do documental, subliñou a importancia deste proxecto para "empoderar" a unha xeración que, por mor da pandemia de covid-19, está "en perigo de extinción". "Con este documental, os nosos maiores síntense escoitados. Moitos deles non foron á escola, pero teñen outro tipo de información moi valiosa: a experiencia", destacou Riós.

Proxectos culturais Xacobeo 2021

'Camiñantes de noso' pertence ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de Reactivación Cultural fronte aos efectos da covid-19. 

O orzamento total co que se dotou o fondo, uns dous millóns de euros, repartiuse entre 400 proxectos, entre os que se atopaba 'Camiñantes do Noso', que levou case 10.000 euros. 

Riós cualificou esta convocatoria de axudas do Goberno galego como "unha luz ao final do túnel", unha "esperanza" na situación de incerteza que vive o sector cultural actualmente. 

'Camiñantes do Noso' publicarase semanalmente a partir do venres 4 de decembro e ata o 5 de febreiro de 2021 no Portal da Lingua Galega, onde xa se pode gozar dun adianto do documental (https://www.lingua.gal). 

Comentarios