A ministra Delgado, sobre os insultos dun dirixente de Vox: "Hai quen non ten escrúpulos"

O portavoz de Vox na Asemblea Rexional de Murcia, Juan José Liarte,  chamouna "p***" e "tiparraca"

Dolores Delgado. FERNANDO VILLAR (EFE)
photo_camera Dolores Delgado. FERNANDO VILLAR (EFE)

A ministra de Xustiza en funcións, Dolores Delgado, dixo que "é frustrante" atoparse "con persoas que non teñen escrúpulos" en referencia aos insultos do portavoz de Vox na Asemblea Rexional de Murcia, Juan José Liarte, que a chamou "p***" e "tiparraca".

Liarte expresouse así nas redes sociais por unhas declaracións de Delgado nas que afirmaba que Vox non defende a Constitución.

Este luns na Ser Dolores Delgado indicou: "É realmente frustrante para min atoparme con persoas que non teñen escrúpulos".

"Estas cousas normalmente fannos reflexionar que temos por diante, temos que erradicar ese sistema, pódese facer a análise político máis forte pero con argumento, sen insultos, pero esas palabras demostran o contrario", engadiu.

Delgado incidiu en que "a xente está cansada da crispación e o insulto. Vox basea demasiado o seu discurso en temas de xénero e dirixidos especialmente a mulleres, case con esta violencia verbal" e preguntouse: "Que queda logo dun insulto?".

Interrogada sobre se vai presentar unha denuncia, contestou que deixa esta decisión en mans da Fiscalía e recordou que pasou a vida "intentando parar aos que máis dano fan", en referencia aos seus anos nos que exerceu como fiscal.

Defende a sentenza contra A Manada
Tamén se pronunciou sobre a sentenza do Tribunal Supremo que elevou de 9 a 15 anos de prisión a condena aos cinco membros da Manda por delito continuado de violación a unha moza nos sanfermines de 2016. 

"Non me sorprendeu pois os feitos eran moi claros e definían unha acción que para min era típica dunha agresión sexual e imos intentar que pase a unha cualificación de violación coa reforma do Código Penal", comentou.

E insistiu: "A interpretación que neste caso fixo o Tribunal Supremo axústase plenamente a eses feitos". 

Comentarios