Blog |

Miserias de oficio

Repaso, case por inercia, os programas electorais de todos os partidos de cara a estas eleccións. Para a miña sorpresa, son aínda máis escasos, carentes de ideas e limitados do agardado. Aínda que numerosas competencias de cultura están transferidas ás comunidades autónomas, o Estado aínda conserva un gran número de entidades vinculadas de xeito máis ou menos directo á cultura. Así que non é escusa.

eo

VISTA
NON DEIXA DE ser curioso que na campaña electoral que máis abusa de imaxinarios, sexa a que posiblemente se preste menos atención á cultura non só como sector económico, que o é, senón tamén como factor imprescindible na formación de cidadáns libres. Voulles dar a miña teoría de por que pasa isto: a dereita dá por perdidos os votos da cultura, así que amosa unha hostilidade resentida. E a esquerda os dá por asegurados, así que non os cultiva. E o outro problema é a propia idea de ‘sector cultural’: a maior parte dos seus membros non o percibe como tal. Unha actriz, poñamos por caso, non se sente parte do mesmo que unha restauradora.


OLFACTO
Aínda que por traballo e máis por vicio consumo todos os suplementos culturais semanais e leo unha boa cantidade de revistas electrónicas literarias, asesorado por esa corte de prescritores máis ou menos virtuosos, a serendipia, o azar afortunado de quen se deixa levar polo arrecendo dunha historia descoñecida, é un dos mellores praceres do lector. Esta semana descubrín, por exemplo, a Len Deighton, escritor británico de novelas de espías, libros de cociña, editor de viaxes en Play Boy e divulgador histórico. Para o caso que nos ocupa, Leighton é autor da estupenda novela negra de historia-ficción: SS-GB: Nazi-Occupied Britain, unha ucronía na cal Gran Bretaña perdía a guerra e Alemaña establece en Londres un goberno de ocupación. O gran problema coas ucronías é a factibilidade. Autor e lector compartimos a idea de deixarnos enganar, pero non a calquera prezo. Leighton consegue facelo: a historia non parte de cero, senón que asume que nós deberiamos saber que Londres está ocupado, que non se sabe que pasou con Churchill, que nas montañas galesas sobrevive a resistencia. O mestría deste escritor está en como constrúe lentamente, por medio da trama, a ucronía, a execución de Churchill, o confinamento do rei na Torre de Londres. Pensei: que gran serie de televisión se faría aquí. Non fun o único: a BBC emitiuna en 2017.


OÍDO
Foi inevitable conectar isto coas teses do historiador Emilio Grandío, especialista na espionaxe en Galicia durante a II Guerra Mundial. Grandío ten un punto de partida abraiante para comprendermos o escenario galego do conflito: vén dicindo que Reino Unido e Alemaña son o mesmo ata os anos da guerra. Que antes de iniciar a escalada bélica o embaixador inglés e alemán en Madrid comparten edificio, a penas separados por un tabique. E que iso se nota nas redes de espionaxe en Galicia: a infraestrutura, as canles, os nodos principais desa rede son os mesmos. Ás veces valen para un bando, e outras para o outro. Falamos diso nunha mesa redonda convocados polos Amigos da República en Ourense. Alí coñecín, por certo, ao último guerrilleiro galego vivo, don Camilo de Dios. Non falamos dos seus tempos na resistencia. Contoume como o seu pai nunca lle puxo unha man enriba, e sen embargo era quen de facelo chorar cando o reprendía. Explicoumo como se fora a ensinanza máis importante da súa incrible e terrible vida.


TACTO
O Venres Santo fumos de excursión a Castroverde. Visitamos o Penedo da Moura, un fermosísimo abrigo rochoso que algúns chaman, erroneamente, dolmen de Marrondo. Para chegarmos a el tivemos que nos orientar por vaguísimos sendeiros abertos no bosque. Alguén foi botando a ramallada limpada nas fincas po riba do feble camiño para facelo esquencer. Logo, paseamos en solitario (como pode ser posible, a só 15 quilómetros de Lugo?) por esa marabilla que é Soutomerille: dous pazos abandonados, un castro, unha antiga igrexa, castiñeiros venerables, un camposanto minúsculo e unha vizosa fraga. Tamén observamos toda a madeira sobrante da poda fora botada sobre os antigos camiños que acceden ao castro, co propósito bastante evidente de esborrallalos, de tomar posesión do público. Un rural ao que non vai ninguén, e un rural que, ás veces, tampouco quere a ninguén. Ese é o problema. Logo choraremos.

 
GUSTO
De Ourense subimos polos Peares arriba ata a casa de Manuel María en Outeiro de Rei. Aquí, desta banda do Miño, non se sentían as masas humanas que debían estar colapsando o núcleo máis turístico da Ribeira Sacra, ese que se converterá en Patrimonio da Humanidade sen ter un mínimo plan de crecemento sustentable e para o que son máis pesimista que optimista. Ascendemos pola fervenza de Fondós e o Penedo do Graullo ou Garabullo —desculpen a miña imprecisión—. Nunha volta do río atopamos un terroir, unha unlla de terra ateigada de viñedos: non hai que ser un Robert Parker para saber que bateramos con ouro. Buscamos entre as viñas ao viticultor: velaí estaba, con oitenta e seis anos. Orgulloso do que tiña entre mans, pesaroso por dúas parcelas abandonadas por outra familia había catro anos e incultas ao carón dos seus delicados socalcos. Pedímoslle a proba: asentiu pero gardándose algo, coma un labrego pillo. O viño, limpo e elegante, estaba por riba da media: de paso longo, de tacto veludo na boca, con notas de violetas. Mais o branco, un godello, era excepcional. Unha pérola da Ribeira Sacra. Por primeira vez, por agora, sentín que o meu relato gastronómico debía chegar ata aquí. 


SILENCIO
O escritor gastronómico do país vive unha paradoxa. A diferencia dun crítico gastronómico dun medio con posibles, aquí pago do meu peto ata a última frangulla e o grolo de auga que consumo por aí. Así que cando escribimos ben sobre un viño ou un restaurante que nos apaixona, estamos tamén contribuíndo a quedarnos fóra del. Masificámolo, contribuímos a que dobre ou triplique o seu ticket anterior, moitas veces de forma pouco xustificada en relación ao qu ese ofrece. Alégrome polo sector hosteleiro, pero cabréame a contradición de ser, ao mesmo tempo, expulsado dos lugares que me gustan: a miña nómina non segue, nin de lonxe, a mesma carreira inflacionaria. Estou un pouco farto de axudar á miña propia expulsión. Ando dándolle voltas a esta pequena miseria contraditoria da escrita pública. E aínda non a resolvín.

Comentarios