Imprimir

Modelos de industria (II)

María do Carme García-Negro |

María do Carme García-Negro | 28 de septiembre de 2020

DIXEMOS que a industria dos países máis poderosos do mundo —quer dicer, os que son quen de se valeren por si mesmos— son moi semellantes nos resultados e os outros son en cada caso dependentes á súa maneira. Remedando a Tolstoi no comezo de Anna Karenina: os felices son moi parecidos entre si, os infelices son desgrazados cada un á súa maneira. Os industrializados actuais, desde Alemania a Xapón ou os Estados Unidos, pasaron por unha historia de consolidación industrial de moitas décadas, pero cun denominador común: fixeron en cada momento decisivo da súa historia o necesario para garantiren a liberdade de decisión económica.

Se o Reino Unido foi Imperio e propagou o libre cambio foi en defensa dos seus intereses económicos: o imperio proporcionaba materia prima, man de obra e mercado para a súa industria. Se Alemania contestou e combateu o librecambismo (no XIX, inicio da súa industria) foi por necesidade de se protexer fronte á potencia británica, e se os USA defenderon un rol do Estado distinto segundo cada etapa do seu desenvolvemento foi unicamente por necesidades internas do seu proprio proceso. Outros estados europeus caracterízanse por implementar unha política económica con dirección estatal e mais capital público para levar a cabo os procesos de industrialización acaídos. Neste momento de forte crise e, por tanto, de necesidade de superala é determinante conseguir un plan público de investimentos e a dirección dos procesos económicos privados de promoción do crecemento.

O programa de reindustrialización, de investimento e construción de bases de novo crecemento precisan en primeiro lugar dunha vontade política de levalo a cabo. É completamente distinto ter un plan proprio que buscar e seguir tras o alento que van soltando como refugallos as compañías de capital estranxeiro aquí instaladas. Hai capacidade galega suficiente para un bon comezo; nas industrias de alimentos: agro, pesca, forestal, hai tal capacidade presente e potencial que cada ano que pasa sen se desenvolver pérdense oportunidades no mercado. Dous casos contrapostos poden amosalo: o destino da pesca galega cara á industria e o da carne de porco producida. No primeiro, ao existir industria transformadora propria como é a conserva, contribuíu á permanencia do subsector pesqueiro extractivo, cultivador e mais o importador de pescados exóticos, como son o atún ou a pescada dos mares austrais. A industria converteuse en base de crecemento económico sostido, elabora bens de primeira necesidade e outros da gama de luxo e —o decisivo— contribúe ao mantemento da industria extractiva da pesca, do marisqueo, da miticultura... A industria de transformación de bens pesqueiros é a primeira de Galiza por capacidade de mercado en rendibilidade, exportación, creación de emprego e innovación tanto propria como simplesmente aplicada. Este mesmo camiño industrial proprio pódese conseguir sen grandes empregos de capital inicial na transformación de produtos agrogandeiros: desde a pataca, verduras, mel, mazás ou castañas proprias até os transformados cárnicos. Os galegos de hoxe, consumidores actuais, non coñecen o xamón galego, deben pensar que aquí os porcos son coxos. A solución da suposta ausencia consiste en explicar o proceso de desindustrialización galego.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/maria-do-carme-garcia-negro/modelos-industria-ii/20200928133730084989.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)