Imprimir

A muller agredida e violada polo seu marido en Ferreira: "Só quería saír viva de alí"

José Luis Ramudo (Efe) | 18 de octubre de 2018

O acusado de maltratar e violar á súa muller, durante a vista oral. SEBAS SENANDE
O acusado de maltratar e violar á súa muller, durante a vista oral. SEBAS SENANDE

O acusado admitiu que a súa adicción á cocaína provocou momentos tensos na súa relación. Recoñeceu que a agrediu pero asegurou que as relacións foron consentidas

Entre bágoas, ás veces con problemas para continuar co relato dos feitos a causa do pranto e dos nervios, a muller que supostamente foi maltratada, ameazada, coaccionada e finalmente violada polo seu propio marido, contou este xoves na vista oral que se celebrou na Audiencia Provincial de Lugo o inferno polo que tivo que pasar durante os dous últimos anos dun matrimonio que comezou en 2002.

Por videoconferencia, para non cruzarse co suposto maltratador, a muller ofreceu un relato dos feitos completamente diferente ao que uns minutos antes contara o seu marido a preguntas da defensa e da acusación particular, para explicar o clima de tensión constante que se vivía na casa familiar, en Ferreira de Valadouro, onde vivía o matrimonio coas súas dúas fillas menores -a maior ten na actualidade doce anos-.

A muller dixo que o seu marido, José Juan G.P, "nunca deixou de consumir" cocaína durante todos os anos que durou a súa relación, pero a convivencia empeorou a causa do "abuso" desa sustancia.

A muller declarou que a súa propia sogra recomendoulle que "fose á Garda Civil" e "denunciase" ao seu fillo

Contou como a ameazaba, como lle entraban arrebatos de furia nos que chegaba a pegarlle a ela e ás nenas e o modo en que utilizaba ás súas fillas para ameazala e para obrigala a traer diñeiro a casa co que financiar a súa adicción.

"Dicíame que se non lle conseguía diñeiro, ía presentarse no meu traballo e sacarme polos pelos", contou ao tribunal, ademais de narrar o sucedido un día no que o seu marido se encerrou coas dúas nenas en casa e ao regresar ela non lle deixou entrar.

"Preguntoume se traía diñeiro e ao dicirlle que non había, díxome mirando" á nena pequena "que tiña dez minutos para conseguilo. O tempo corre. Tic-tac, tic-tac", polo que "saín disparada. Sen rumbo, porque xa non sabía a quen pedirlle diñeiro", explicou a vítima.

De feito, recoñeceu que a súa propia sogra recomendoulle que "fose á Garda Civil e o denunciase".

"Esta vez tiveches sorte, a próxima vez mátote", declarou supostamente o agresor, tras darlle unha malleira e violala

Fíxoo, finalmente, logo dos sucesos do 9 de xullo de 2017 cando, segundo o ministerio público, o acusado obrigou á súa muller a baixar ao garaxe, coa escusa de que "a lavadora perdía auga", e alí golpeouna de forma repetida cun bate de béisbol e despois violouna, á vez que lle dicía "esta vez tiveches sorte, a próxima vez mátote".

A muller narrou que o seu marido despois de golpeala con violencia, obrigouna a axeonllarse e consumou a violación.

"Cando estaba axeonllada aínda me volveu a dar co bate. O único que quería era saír viva de alí. Coller ás nenas e marcharme. Só pensaba en que acabase rápido", relatou, mentres que "el me dicía que se quería a custodia das nenas, íame a facer un terceiro para foderme a vida".

O acusado recoñeceu que discutiu coa súa muller e pegoulle co mango dunha escoba, pero asegurou que as relacións sexuais foron consentidas

En canto ao sucedido ese día, o acusado recoñeceu que discutiu coa súa muller e pegoulle co mango dunha escoba, ademais de darlle unha "patada no cu" que a fixo caerse ao chan, pero asegurou que as relacións sexuais foron consentidas.

Afirmou que os últimos anos do seu matrimonio estiveron marcados pola "súa gran adicción á cocaína", que chegou a ser "tan grave" que incluso sufría, de forma máis ou menos frecuente, "paranoias e alucinacións".

Confesou que houbo no seo familiar "algunha disputa", na que ambos, marido e muller, agredíronse "mutuamente".

O acusado asegurou que nunca ameazou de morte á súa muller nin ás nenas, aínda que si recoñeceu que lle dicía que se ía "a suicidar", que ía "queimar a casa" ou que ía levar ás súas fillas

Asegurou, en todo caso, que nunca a ameazou de morte a ela nin ás nenas, aínda que si recoñeceu que lle dicía á súa muller que se ía "a suicidar", que ía "queimar a casa" ou que ía levar ás súas fillas.

"Cando tiña a síndrome de abstinencia, subíame polas paredes, non era dono de min", recoñeceu, "e supoño que podían ter medo de min, e enténdoo", porque tiña moitos "prontos e mal humor"

O fiscal pide para o acusado 26 anos de cárcere polos delitos de malos tratos habituais no ámbito familiar, agresión sexual, dous delitos leves de lesións, coaccións e malos tratos non habituais.

Así mesmo, solicita que o acusado indemnice á súa muller con 13.000 euros polas lesións e os danos morais, mentres que para a súa filla maior solicita unha indemnización de 10.000 euros por prexuízos psicolóxicos derivados da súa situación familiar.

A defensa solicita a libre absolución do acusado ao considerar que non hai probas das agresións denunciadas, co argumento dos que momentos de "tensión" foron tamén provocados pola adición que tiña o seu patrocinado á droga. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/muller-agredida-violada-polo-seu-marido-ferreira-so-queria-sair-viva/20181018140829044311.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)