As negociacións entre JxCat, ERC e a CUP non contemplan o regreso de Puigdemont

Buscan lexitimar a figura do expresident pero xa barallan investir a outro candidato

Carles Puigdemont. ANDREU DALMAU
photo_camera Carles Puigdemont. ANDREU DALMAU

Os escenarios que negocian  JxCat, ERC e a CUP para a investidura dun presidente da Generalitat non contemplan por agora o regreso efectivo a Cataluña do candidato de  JxCat, Carles  Puigdemont. 

Por unha banda estudouse reformar a Lei da Presidencia para investir a Puigdemont a distancia, o que reflicte que non ten intención de comparecer  presencialmente ante a Cámara. 

Por outra banda explórase unha investidura de  Puigdemont en Bélxica a través dunha Asemblea de electos, que logo se tentaría ratificar no Parlament sen a presenza do candidato, o que tamén supón que o candidato de  JxCat non volvería. 

Sobre este segundo escenario, un documento interno da  CUP que se coñeceu este mércores afirma que Puigdemont mesmo está disposto a que no  Parlament sexa investido un candidato de  JxCat que non sexa el. 

Ademais, a  CUP este mércores abriuse por primeira vez a que o candidato investido en Cataluña non sexa Puigdemont, e ERC estudaría esta proposta se contase co aval de  JxCat. 

Fontes de JxCat consultadas admiten que non hai nada pechado pero albiscan un acordo próximo, mentres que fontes de ERC coinciden en que todo está aberto pero ven o pacto máis afastado. 

En canto á  CUP, o mesmo documento interno coñecido este mércores expón que consultará ás súas bases calquera principio de acordo ao que chegue coa lista de  Puigdemont e os republicanos. 

PRESIDENTE LEXÍTIMO. Os tres grupos coinciden en que hai que recoñecer a  Puigdemont como o presidente lexítimo da Generalitat por considerar que foi cesado inxustamente e porque logo liderou a lista soberanista máis votada nas eleccións. 

O que deben acordar é como darlle esta lexitimidade, xa que ERC advertiu de que, se non regresa a Cataluña, tratar de investilo a distancia desde a Cámara abriría outro contencioso co Tribunal Constitucional. 

Para dar esta lexitimidade a Puigdemont, un das formulacións de JxCat é levar unha proposta de resolución ao pleno do  Parlament —que non sería o pleno de investidura— sobre "o recoñecemento  restitutivo do Presidente  Puigdemont". 

JxCat reclama que o recoñecemento de Puigdemont non sexa un acto meramente simbólico, senón que pode exercer de presidente desde o "exilio", e fontes de ERC esixen que a proposta que se poña sobre a mesa sexa viable, efectiva e que non abra un novo conflito co Estado. 

PENDENTES DOS LETRADOS. Os tres grupos independentistas negocian por agora sen límite temporal, xa que os letrados do Parlament aínda non se puxeron de acordo no informe que se lles encargou para que digan se xa empezaron a correr os dous meses que ten a Cámara para atopar a un presidente. 

O informe esperábase para o martes; daquela os mesmos letrados expuxeron que se entregaría este mércores; pero por agora seguen sen atopar un texto de consenso que lles satisfaga a todos. 

Fontes parlamentarias explican que os letrados comparten que a conta atrás de dous meses non empezou, pero difiren nas vías para seguir para que a parálise non se alongue sine die. 

Comentarios