Opinión

Nicaragua, Chile, Venezuela, Bolivia

BÁGOAS DE sangue en América Latina. En Nicaragua, o pequeno país mártir, non amencen os días claros da democracia. Outra vez o somocismo? Desta volta da man dun tipo ávido de poder. A calquera prezo. De dor, represión e traición aos fermosos ideais do sandinismo. Alleo á norma democrática, aos dereitos humanos, velaquí un goberno cada día máis autoritario: ditadura, di Ernesto Cardenal. A dinastía do excomandante exsandinista Daniel Ortega e a vicepresidenta Rosario Murillo de sinistro perfil. A crise é moi seria e afecta a unha rexión convulsa. 19 meses de protestas dos estudantes toparon coa represión de policía e paramilitares que nin respectan o refuxio das igrexas. Según a CIDH, 325 mortos, miles de feridos e 150, estes si, presos políticos.

En Venezuela un tal Maduro, caricatura de político. País rico chuchando dos tetos do petróleo. Un non-país. Con datos da OEA, 4,6 millóns de venezolanos fuxiron da patria invivible. Flotando nun mar de petróleo un país na miseria, nas mans dun individuo de retórica delirante que xamais debeu deixar o volante do bus para conducir o país ao abismo.

Represión salvaxe en Chile. O estalido social enfronta a dignidade do pobo, co apoio do mundo da cultura, ás balas de policías e militares. O país modelo de estabilidade, nun mes de protestas, conta 17.000 detidos, 950 no cárcere, 246 denuncias por torturas! 23 mortos. É unha paisaxe de destrución e represión descoñecidos desde o tempo do matonismo criminal de Pinochet. A paralización do país suma 300.000 parados. Saqueos de hipermercados. Queima de boa parte do metro de Santiago. Incendios de universidades, sedes de partidos, igrexas, edificios públicos. Protestas e folga xeral.

E Bolivia. Evo Morales non merecía este final. Dotou de estabilidade, quince anos de goberno, o país dos 189 golpes militares. Caeu pola súa vontade de aferrarse ao poder forzando a Constitución. Perdeu o referéndum e a oposición botouse á iugular. Evo foi un gran presidente e así o recoñecen o FMI e The Wall Street Journal. Os seus números económicos son impresionantes. O PIB medrou a un 4,9% anual. A pobreza caeu á metade. Primeiro presidente indíxena nun país onde suman o 60% da poboación. Deriva autoritaria, quen sabe se outras forzas ocultas precipitan a caída. Se non é un golpe de estado dos que saben moi ben a quen pertence o litio e o petróleo parécese moito. E agora, Colombia...

Algún día saberemos máis dos que axitan o descontento en Latinoamérica. Quen está detrás destes procesos de desestabilización política que peta nos máis pobres e fractura as sociedades. Polo de agora vemos quen está na primeira liña da represión, das detencións, das mortes, da avidez de poder e da torpeza dos gobernos de Bolivia, Venezuela, Chile, Nicaragua.

Comentarios