Opinión

Non esquezamos a Palestina

A Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (Onu) aprobou hai uns días, por amplísima maioría, outra resolución na que se insta a Israel a pór fin á súa política de construír asentamentos en territorios palestinos ocupados, e ao mesmo tempo tamén se aprema ao Estado de Israel a retirarse dos espazos ocupados dende 1967, Xerusalén oriental incluído, xa que esa política israelí carece de toda legalidade e validez xurídica e constitúe en palabras de António Guterres, secretario xeral da entidade multinacional, unha flagrante violación do dereito internacional.

O certo é que xa se contabilizan máis de 250 pronunciamentos e resolucións emitidas polo Consello de Seguridade e pola Asemblea Xeral da Onu sobre Palestina, mais todo segue igual: os gobernos de Israel incumpriron e incumpren, sempre co apoio dos EE.UU., todo tipo de ditames, disposicións ou condenas, e a organización fundada en 1945 e con sede en Nova York segue a demostrar unha absoluta incapacidade á hora de facer valer os seus principios fundacionais, entre os que figuran os dereitos fundamentais das persoas e o mantemento da paz e da seguridade internacional, así como a creación de condicións baixo as cales se poidan manter a xustiza e o respecto ás obrigas emanadas dos tratados e doutras fontes do dereito internacional. ¿Cúmprese isto en relación con Palestina?

Recentemente, as autoridades israelís aprobaron a construción de 2.342 casas en colonias emprazadas nos territorios palestinos ocupados na Cisxordania, e varios relatores da Onu, entre eles o Relator Especial sobre os Dereitos Humanos en Palestina, fixeron público un documento no que denuncian con toda claridade e rotundidade que construír asentamentos civís nun territorio ocupado é ilegal, como o é tamén a anexión dese mesmo territorio. Ou dito doutro xeito: a política expansionista de Israel supón unha violación continuada do cuarto convenio de Xenebra e atenta contra principios básicos do dereito internacional.

Mais no eco producido no mundo e na realidade do conflito 'interminábel' de Palestina —pura materialidade sangrante— impera de xeito planificado o silencio, o ollar de esguello e o esquecemento. E van alá sete décadas de violencia e colonización, con millóns de refuxiados e milleiros de mortos. Os demócratas europeos e do resto do mundo deberíamos ter a Palestina presente. Por simple decencia democrática.