"Se non tropezo con ela nin a vexo; foi como se me puxera a zancadilla"

Fernando Brey Quintela dio con una escultura gótica de una virgen cuando pescaba en el Sar
Fernando Brey QuintelaTVG
photo_camera Fernando Brey QuintelaTVG

"Se non tropezo con ela nin a vexo; foi como se me puxera a cambadela". Así relataba Fernando Brey Quintela a AGN o sorprendente achado que fixo en augas do río Sar dunha virxe gótica tallada en pedra. Este veciño de Santiago, natural da parroquia estradense de Loimil, practica habitualmente pesca sen morte pola zona "por entreterme e pasear", confesa. Sobre o día do descubrimento, recorda que vadeaba río arriba cando tropezou cunha pedra. Cousas da fortuna, xa que de non ocorrer iso, xamais se fixaría no que tiña baixo os seus pés, xa que a talla estaba cuberta de brión como o resto das pedras do leito.

"Inmediatamente chamei á miña amiga Ana Castro, de Galantiqua Antigüidades, que lle sacou fotos e xa me dixo que podería ser unha cousa importante", conta Fernando Brey. De feito, este estradense asegura que esa foi a clave: ter unha persoa coñecida experta na materia. "Se non fose así, igual llo contaba a calquera por aí", o que na práctica suporía un risco xa que o achado nas mans equivocadas podería terminar en espolio. "Mantivémolo en segredo estas semanas ata que a sacaron", recorda.

Ana Paula Castro é membro de Apatrigal, polo que puxo a noticia en coñecemento dalgúns dos maiores expertos na materia, que confirmaron o que ela xa sospeitaba: a importancia do achado do río Sar. "A verdade é que é un día especial para Galicia", admitía Carlos Henrique Fernández, presidente do colectivo Apatrigal. "Nun lugar onde estamos máis afeitos ás desfeitas do patrimonio, atopar unha virxe desta calidade fainos estar moi orgullosos", afirmou.

Como o estaba Fernando Brey, que pasou un día atendendo aos medios e satisfeito. "Hoxe a virxe xa durmirá ao quente", chanceou.