Imprimir

Nova etapa municipal

María do Carme García-Negro |

Galiciae | 23 de julio de 2019

HAI GOBERNOS municipais que levan anos, algúns varios lustros, logrando crear o clima preciso para que a vila ou a cidade gobernada avancen cara a mellores estándares de calidade de vida en común: podemos citar aquí Pontevedra, en Euskadi Bilbao, e, fixándonos no mundo, poderíamos dicer Chicago; en todas elas obsérvase unha enorme diferenza entre o ponto de partida e o conseguido. Chegouse ao presente con planificación e consenso. E, ao mesmo tempo, deixaron atrás, moi atrás, as debilidades que puideran esvaír o empeño de conseguir o obxectivo de mellora colectiva.

Son tres modelos distintos, pero teñen en común unha base fundamental: a busca da mellora da calidade de vida urbana. As persoas máis escépticas defenden tamén que non ten moita importancia a política municipal para cambiar a vida dos cidadáns, xa que as competencias dos concellos só abranxen a regulamentación urbanística, a limpeza urbana, parques e xardíns, mantemento dos colexios públicos, programar e financiar as festas locais e finalmente soster o cemiterio municipal. De feito —argumentan as mesmas persoas—, se hai un goberno municipal capaz de resolver os problemas que xera a convivencia nas grandes urbes, até alcanzar cifras de 6, 7 ou 12 millóns de persoas, non parece lóxico que aquí existan problemas de difícil solución nun país que non totaliza os 3 millóns de habitantes.

Sería perfectamente abarcábel hoxe ser gobernados por unha soa institución capaz. Opinan que non é preciso sumar Concellos, Deputacións e Xunta, para que finalmente existan moitos asuntos sen resolver ou paralizados meses e meses, en ocasións por colusión das administracións públicas con deber de actuaren. Todo isto, sendo totalmente lóxico, dunha lóxica esmagante, así como alcanzábel dado o nível da técnica e dos técnicos en administración de organizacións grandes e complexas, esquece algunhas cuestións a ter en conta cando de asuntos de natureza social tratamos. A primeira e principal é que exista unha vontade colectiva de cambiar para mellor. A evidencia dos programas e dos resultados das eleicións espella outra vontade: case ninguén quer cambiar, o que quer dicer por pasiva que tal e como estamos é un clima aceptábel para seguir coa rotina dunha vida mol.

Os votantes ou adherentes que finalmente compoñen a maior parte dos votos que lexitiman aos gobernos resultantes denotan que preferen que non se funcione ben, xa que así hai un burato no poder de intervención caciquil: se a limpeza é total, o luxado individual nótase demasiado e débese desistir do empeño en conseguir o "meu" por riba do de todos. O urbanismo deixado ao criterio municipal é igual que abandonar un neno de 12 anos nunha discoteca: se non sae ebrio é porque ten protección divina.

Deixar privatizar servizos municipais que logo requiren xestión extramunicipal é en si mesmo unha contradición tanto económica como medioambiental (residuos sólidos urbanos) e permitir que sexa cada corporación quen se teña dotado de persoal cualificado é, no noso país, unha invitación ao nepotismo ou comenencia eleitoral pero non á eleición dos mellores. Os/as escépticos, amigos da lóxica, deberán esperar por tempos mellores.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/maria-do-carme-garcia-negro/nova-etapa-municipal/20190723142118062368.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)