Nova Pescanova reduce o seu capital en 78 millóns de euros

Trátase dunha manobra acordada na Xunta Xeral para equilibrar o valor das participacións e o seu patrimonio
Sede de Nueva Pescanova en Chapela. AEP
photo_camera Sede de Nueva Pescanova en Chapela. AEP

A Xunta Xeral de accionistas do Grupo Nova Pescanova aprobou este luns unha redución do capital social de 78 millóns de euros (pasa de 147 a 69 millóns de euros) para "restablecer o equilibrio entre o valor nominal das participacións sociais e o patrimonio neto da sociedade".

Así o comunicou a propia multinacional pesqueira, tras a celebración desa Xunta Xeral, que tivo lugar nas súas instalacións de Chapela-Redondela.

Nova Pescanova sinalou que "o reequilibrio no balance pon á empresa nunha situación máis vantaxosa para conseguir financiamento no mercado e optar a subvencións públicas".

Por outra banda, na reunión deste luns deuse luz verde ás contas do exercicio de 2019, no que o Ebidta de xestión do grupo situouse en 50 millóns de euros (fronte aos 75 millóns do ejericio anterior) "debido a factores externos, principalmente á caída de prezos do gambón e do lagostino 'vannamei', aos aranceis de Arxentina, e ao descenso de vendas en Asia".

Esa redución viuse reflectida no resultado neto do Grupo que, a pesar de facer facturado 1.057 millóns de euros (cun aumento do 8 por cento nas súas vendas), tivo perdas por 41 millóns de euros.

Así mesmo, a xunta de socios tamén aprobou o informe de xestión de 2019, a xestión do Consello de Administración e o nomeamento de KPMG como auditor de contas da sociedade para o exercicio 2020.