O número de denuncias por violencia de xénero medrou un 12,3% no terceiro trimestre en Galicia

A taxa de 10,7 vítimas por cada 10.000 mulleres é unha das máis baixas do Estado, que rexistra unha media de 17,1

Manifestación contra la violencia de género. EFE
photo_camera Manifestación contra a violencia de xénero. EFE

Os xulgados galegos recibiron un total de 1.784 denuncias por violencia de xénero no terceiro trimestre do ano, un 12,3% máis que no mesmo período de 2017, cando se presentaron 1.589. 

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o número de mulleres que aparecen como vítimas practicamente se mantén, pois pasou de 1.500 entre xullo e setembro do ano pasado a 1.502 neste exercicio. 

Así mesmo, a gran maioría das denuncias –1.310–, chegaron aos órganos xudiciais a través de informes policiais con denuncia da prexudicada. 

O TSXG deu conta este luns dos datos publicados polo Observatorio contra a Violencia de Doméstica e de Xénero, que tamén reflicten unha diminución en Galicia das vítimas que se acollen a dispensa para non declarar. Así, se no terceiro trimestre de 2017 optaron por esta opción 108 mulleres, este ano fixérono 92, é dicir, o 5,2% das vítimas.

TAXA DE VIOLENCIA DE XÉNERO. Galicia, con 10,7 persoas, mantén unha taxa de violencia de xénero (vítimas por cada 10.000 mulleres) por baixo da media estatal (17,1), só por encima de Castela e León e Estremadura. 

O 90% dos homes enxuizados por delitos relacionados con violencia de xénero foron condenados

No terceiro trimestre do ano solicitáronse 523 ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, mentres que en 2017 pedíronse 478, o que supón un aumento dun 9,4%. Das 523 incoadas adoptáronse 355, segundo os datos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero. 

O 91,7% dos homes axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano foron condenados. Este dato sitúa a Galicia por encima da media estatal, que é do 89%.

O 100% dos axuizados por este tipo de delitos nas audiencias provinciais galegas foi condenado, fronte ao 69% das persoas xulgadas nos órganos penais. Só Estremadura, A Rioxa e Navarra teñen unha porcentaxe maior de condenas entre os axuizados nos xulgados do Penal, un 71,6%, 71,4% e 70,7%, respectivamente.

Comentarios