Opinión

O Club das 15

Ao día seguinte aos Reis de 2015 dous homes entraron na revista satírica francesa Charlie Hebdo e asasinaron oito traballadores da redacción, nomeadamente cinco debuxantes. No camiño de morte deixaron, ademais, outros catro cadáveres: un policía, o escolta do ilustrador Charb, un convidado á xuntanza e o bedel do edificio do lado, no que entraran por erro
Salman Rushdie. EP
photo_camera Salman Rushdie. EP
POR QUE Charb levaba escolta? Por ter sido responsábel dun número especial no que se atacaba o islam e doutro no que, directamente, se debuxaba a Mahoma espido. En 2013 Al Qaida publicara a lista dos máis buscados, aquelas persoas sobre as que recaía unha fatwa ou condena a morte por inxuriar ao islam: Charb era unha das once persoas que aparecían nun arrepiante cartel. E xusto debaixo del aparecía Salman Rushdie, o escritor indio e autor de Fillos da media noite.

Canto se supón que dura unha fatwa? Está en vigor a condena a morte a Rushdie? Son preguntas que só se poden responder se atendemos á estrutura organizativa da relixión islámica. Ao contrario que no catolicismo, non existe no islam unha autoridade central, sería sacrílego que alguén se proclamase herdeiro do profeta de calquera xeito. Pero si hai líderes relixiosos en todas as épocas e nos 80 o máis influínte era o aiatolá Jomeini, a quen Julián Hernández dedicou unha preciosa canción que, por sorte, non lle valeu unha condea. Jomeini dirixía unha teocracia en Irán e tiña serios atrancos na súa guerra contra o Irak de Saddam Hussein.

E nese contexto apareceu unha novela de Salman Rushdie, Os versos satánicos. Pero quen era Rushdie? Quen foi antes do eclipse total provocado pola súa persecución? Para comezar, e o mesmo co seu inmortal personaxe Saleem Sinai, un fillo dun dos acontecementos máis traumáticos do século XX: a partición da India colonial británica, que creou os estados de India e Pakistán. Rushdie naceu en xuño de 1947, unhas semanas antes de que istotivese lugar, nunha familia musulmá de Mumbai —daquela Bombai—, a cidade máis importante do oeste da India. E tiña as súas orixes en Cachemira, a rexión que se ía converter no principal motivo de disputa entre as nacións que viñan de se crear e na que aínda hai unhas semanas se producían ameazantes movementos de tropas.

Millóns de hindús de Pakistán e millóns de musulmáns da India cambiaron de país nun éxodo masivo que causou dor, pobreza e morte. A familia Rushdie decidiu permanecer en Mumbai até os anos 60, cando se trasladou a Inglaterra. O mozo Salman asistiu na metrópole á prestixiosa escola de Rugby e á aínda máis prestixiosa Universidade de Cambridge. O seu único emprego antes da fama foi bastante prosaico: escritor de anuncios publicitarios.

Rushdie non fuxía nela da autoficción,  pero transformábaa ata converter a súa vida e obra en metáfora da mesma India

Ninguén que lese —ou lea, se a atopa—, Grimus, a súa primeira novela, publicada en 1975, podía saber que tras ela se agochaba o home que marcaría as novas literaturas en inglés con Fillos da media noite. Rushdie non fuxía nela da autoficción, que xa comezaba a dominar a novela occidental; pero transformábaa ata converter a súa vida e obra en metáfora da mesma India, e quizais no mellor expoñente non suramericano do real marabilloso. A case corenta anos da súa publicación segue a ser un libro imprescindíbel, algo que non se pode dicir de moitos na época do perecedoiro.

Este era Salman Rushdie cando se publicaron Os versos satánicos. Co paso do tempo o mesmo autor, disfrazado coma Joseph Anton nas súas memorias, de 2012, viña a recoñecer polo menos implicitamente que a fama da súa novela estaba moi por riba da súa calidade e facíao de xeito curioso: creando O Club das 15. Membros desta sociedade eran e son todos aqueles que mercaron a obra polo escándalo e, vítimas do seu estilo —experimental e extravagante—, nin sequera pasaron da páxina 15.

Agora, a mesma vida literaria de Salman Rushdie pode considerarse un metafórico e inmenso Club das 15. Sen dúbida é un dos máis coñecidos autores vivos, pero é consciente de que os máis recoñecen o personaxe e non o escritor, o que non deixa de ser un drama dende o punto de vista do creador. E o asunto alcanza tamén á crítica: dende o sempre hermético comité Nobel teñen saído filtracións nas últimas décadas nas que se descarta premialo por ser "popular de máis".

Dende hai anos leva protección policial e o seu paradoiro é descoñecido agás para un reducido número de persoas.

A popularidade de Rushdie está vencellada coa pregunta que faciamos e que debemos responder. Ninguén sabe canto dura unha fatwa. Para establecer relacións diplomáticas con Francia e o Reino Unido o Goberno de Irán tivo que facer unha declaración pública na que afirmaba que xa non perseguía a Rushdie. Porén, os cregos do país non aceptaron este cambio de posición e confirmaron o prezo posto á testa do autor por blasfemo. Así a vida de Rushdie segue a ser un misterio e perdeu todo trazo de normalidade. Dende hai anos leva protección policial e o seu paradoiro é descoñecido agás para un reducido número de persoas. Sábese que posúe a nacionalidade estadounidense —tecnicamente foi cidadán de catro países: a India do Raj, India, Gran Bretaña e os Estados Unidos— e que vive entre ese país e Inglaterra.

O anonimato non impediu que protagonizase a metade dos 2000 un dos episodios máis estrambóticos dun grande escritor nas últimas décadas. De seguro que a maioría de vostedes non saben quen é Padma Lakshmi, pero dende hai un par de décadas está considerada a muller hindú máis atractiva. Modelo e presentadora dun famoso programa de cociña estadounidense exportado a España, en 2004 sorprendeu ao mundo do famoseo ao casar con Rushdie, 23 anos maior ca ela e non precisamente o marido prototípico para unha celebridade —nin sequera podían aparecer xuntos en público—. O asunto durou tres anos e Lakshmi non sae demasiado ben parada das memorias do autor.

Ata que punto lle interesa a un autor converterse en símbolo dunha causa? Se atendemos ao caso de Salman Rushdie podemos dicir que até ningún. Todos os ateos do mundo admirámolo, xa que o feito de sufrir unha ameaza terríbel que vai condicionar a súa existencia durante décadas non fixo que se movese nin un centímetro do que define como "ateísmo de liña dura". Tamén é un forte partidario do relativismo cultural, a forma positiva do relativismo que fixo avanzar os principios da Ilustración, o racionalismo e o progreso en Occidente dende o século XVIII. Cre que se debe revisar calquera relato cultural, sobre todo cando a súa aplicación práctica supón a discriminación de moitos. En resumo, Rushdie é un humanista.

Pero o activista e o símbolo quizais mataron ao escritor e creador. Fillos da media noite non só gañou o Premio Booker, o máis prestixioso do mundo anglosaxón, senón que cando en 1993 se celebrou o primeiro cuarto de século do mesmo esta novela foi considerada Booker dos Booker, por riba de obras de J.G. Farrell, a agora hiperfamosa Margaret Atwood e Peter Carey. Das novelas posteriores de Rushdie un crítico serio apenas pode salvar Shalimar, o paiaso e a diferenza resulta abafante.

Tristemente e en certo sentido, a intolerancia gañou a partida. Jomeini finou poucos meses despois de proscribir a Rushdie e os seus herdeiros de Al Qaida e outros grupos do islam radical non conseguiron a cabeza do escritor —aínda están a tempo, como demostrou hai poucos anos a suspensión da súa presenza no Festival de Literatura de Jaipur, no seu país natal—. Pero si esmagaron a súa vida até o punto no que o seu xenio mudou. Os símbolos son símbolos, a ninguén lle importa que fagan boa ou mala literatura ou sexan quen de mesturar mito e historia para representar unha nación con máis de mil millóns de habitantes nun só personaxe. Porque, en realidade, eles mesmos pasan a ser mito.