A OMS avisa de que o coronavirus pode converterse en endémico e "non irse nunca"

Mike Ryan. EFE
photo_camera Mike Ryan. EFE

O novo coronavirus, causante da enfermidade Covid-19, pode converterse nun virus endémico e, xa que logo, "non irse nunca". Asegurouno este mércores o director de Urxencias Sanitarias na Organización Mundial da Saúde (OMS), Mike Ryan.

Cando pasaron polo menos cinco meses desde que o patógeno empezou a circular entre humanos e moitos se preguntan cando darán resultados convincentes os esforzos internacionais para contelo, o alto responsable recoñeceu que o coronavirus pode quedar, como tantos outros virus, como o do sarampelo ou o VIH. "Pode converterse noutro virus endémico nas nosas comunidades e estes virus poden non irse nunca", declarou Ryan nunha rolda de prensa virtual.

Dixo igualmente que é moi difícil proxectar canto tempo circulará da forma en que o fai agora, sobre todo porque os estudos que se están facendo en varios países revelan que a porcentaxe da poboación infectada é relativamente baixo.

Así mesmo, a esperanza dunha vacina rápida é aínda incerta, e Ryan sostivo que para que se converta nunha verdadeira alternativa para eliminar o coronavirus debería ser altamente eficaz, estar dispoñible para todos os que a necesiten en todo o mundo e, en último lugar, ser utilizada masivamente.

A OMS constata que é difícil saber canto tempo circulará do modo en que o fai agora

REAPERTURA DE FRONTEIRAS. O director de Urxencias da OMS comentou a reapertura de fronteiras que iniciarán en breve algúns países centroeuropeos, tras levantar as medidas de corentena social, e opinou que nunha primeira fase o tránsito terrestre entre países será máis fácil e controlable.

Explicou que os países terán que avaliar se o estado co que planean abrir fronteiras ten un risco de coronavirus similar e se as súas medidas de control son comparables. De ser así, ningún dos dous países asumiría un risco extra. "En si mesmo, cruzar unha fronteira terrestre non significaría un risco demasiado alto. Se o risco e as medidas son similares, intercambiar viaxeiros e turistas non implica unha gran diferenza", apuntou.

Os viaxes aéreas serán máis complexas e a xestión do risco requirirá medios máis sofisticados, incluíndo a decisión sobre desde que países se poderá viaxar a outro, así como dos procedementos a instaurar nos aeroportos de saída e chegada, e durante a viaxe. A OMS traballa actualmente coa Asociación Internacional de Transporte Aéreo (IATA) en directivas para que as compañías aéreas poidan renovar as súas operacións.

Comentarios