Opinión

Onde están os nosos heterodoxos?

Leron algunha vez nalgún medio de comunicación —non falo das redes, alí lese de todo— que tal escritor pasábase de melifluo? Ou sentiron nunha radio que unha cantante galega era un chisco intensita de máis. Non hai melifluos, intensitas ou cualificables con calquera outra característica non positiva de todo nos frondosos eidos da nosa creatividade? Ou é que ninguén o di en público?

NON QUERO utilizar o concepto "politicamente incorrecto" porque, igual que a "liberdade de expresión" pasou a ser invocada polos que historicamente esmagaron a liberdade de expresarse dos demais, a incorrección política está sendo secuestrada polos que prefiren a inxustiza ao desorde. Pero chamémoslle heterodoxos ou mesmo repunantes, os intelectuais ou escribidores que en Galicia se atreven a ir en ocasións contracorrente do pensamento mainstream da súa tribo son moi escasos. No panorama español, porén, hai exemplos bastantes.

Ocorréuseme preguntarlle o porqué a algunha xente do ramo que non se caracteriza precisamente por ser caladiña. De entrada, hai unha práctica coincidencia en que "non hai necesidade ningunha de importar taras alleas, xa nos chega coas nosas", en expresión da xornalista María Yáñez. Tamén varios concordan en atribuír a nosa carencia de polemistas á carencia de medios, en todos os aspectos. Medios de comunicación influentes, xa que como di o escritor David Rodríguez "a cuestión da materialidade xoga algún papel. O pauperismo dos medios alternativos e o control total dos mainstream pola dereita, fan que non se constrúan lectores susceptibles de nutrir a ese tipo de intelectuais.

Está claro que a sociedade civil galega é proporcionalmente menos demandante deste tipo de francotiradores; aínda que, se cadra, poderíase pensar tamén que isto é así porque esa demanda é satisfeita directamente a través dos intelectuais españois". E medios económicos do crítico. "O día en que un medio lle pague a un crítico o salario mínimo cun contrato indefinido, non haberá tanto problema. A crítica que se fai de xeito voluntario e non por que o teu xefe cho mande, está motivada polo entusiasmo positivo. O negativo é máis difícil asinalo publicamente. A ninguén lle apetece facer inimigos así de moca", di María Yáñez.

Confúndese crítica con reproche. Imponse o silencio... ou ben o escapismo perpetuConfúndese crítica con reproche. Imponse o silencio... ou ben o escapismo perpetuo

O malo de que non haxa de crítica rabuda non é quen nos prive do espectáculo dos intelectuais tirándose dos pelos, senón que murcha o debate. "O debate cultural ou político non existe, ou existe minimamente, ou está limitadísimo a unha especie de catálogo do politicamente admisíbel ou, aínda, a un comentario de texto que só atinxe a perfís persoais. Confúndese crítica con reproche. Imponse o silencio... ou ben o escapismo perpetuo: todo vale con tal de non defrontar con realismo o que colectivamente nos afecta", afirma a profesora e escritora Pilar García Negro.

"Non hai polémicas intelectuais porque non hai intelectuais que exerzan fóra do ámbito académico. O primordial é ascender no escalafón, e a polémica non axuda a conseguilo", xulga César Lorenzo. David Rodríguez, a quen si poderiamos cualificar de intelectual fóra do ámbito académico, coincide na existencia do que define como escalafonismo: "En Galicia abundan os intelectuais vencellados a estruturas baseadas no escalafón, no respecto ao principio de autoridade. Vese en intelectuais moi identificados con partidos políticos e nos que construíron e herdaron a Cultura da Autonomía... e logo está o compostelanismo, un fenómeno que vai máis alá desa cidade: mallas espesas de relacións persoais. Un coñecémonos todos que penso tamén coarta a toma de posicións duras".

César Lorenzo pon un exemplo do que custa facer un discurso autónomo en Galicia sobre calquera tema. "Quen máis dano lle fixo ao paradisíaco consenso lusista que se desfruta desde hai anos neses ambientes non foi ningún galego, nin sequera os establecidos no sistema ou os dotados de autoridade —Monteagudo ou Ferrín, por exemplo—, senón un profesor portugués completamente descoñecido en Galicia até hai ano e medio: Fernando Venâncio".

García Negro fala de "exclusións escandalosas, fillas do sectarismo-amigolismo máis perverso"

García Negro fala de "exclusións escandalosas, fillas do sectarismo-amigolismo máis perverso", pero prefire sinalar "o pecado e as vítimas. Darei nomes e apelidos noutrén". Yáñez si identifica os posibles francotiradores da nosa cultura/política: "Quizais un Miguel Anxo Bastos porque é un liberal galeguista e iso sempre é exótico. Ou Xavier Alcalá, pero porque a súa visión do mundo en canto á diversidade social quedou estancada décadas atrás". Lorenzo Gil concreta algo máis, e logo de suxerir a Xesús González Gómez na crítica literaria e Manuel Veiga na reflexión política, sitúa a María Xosé Queizán como unha intelectual "coa que se pode estar de acordo ou non, pero coido que é afouta e coherente, que non foxe da crítica e da polémica e que é ben capaz de deixar descolocadas as súas seguidoras".

Quizais o feito de que non haxa killers na nosa intelligentsia noso panorama mediático cultural teña que ver tamén coa sensación de resistencia cultural, ao non ter unha cultura normalizada. "Iso fainos indulxentes", di David Rodríguez. E quen di a cultura, di a política. César Lorenzo por como exemplo a Suso de Toro, "cun perfil polemista enfocado en Catalunya, pero que cando fala de Galicia non é quen de saír dos lugares comúns da liña oficial do BNG. Considérase que o galeguismo xa é suficientemente alternativo e minoritario como para poñer en cuestión todos os seus axiomas". Polo menos por escrito.

Comentarios