Imprimir

Os nosos antepasados

Javier Nogueira | Gotas de Tinta

Galiciae | 17 de marzo de 2020

OTZI
OTZI
TENDEMOS a dar moita importancia aos sucesos do día a día ou dos últimos séculos, pero convén non esquecer endexamais que se a Historia fose un día coas súas 24 horas, eses eventos que consideramos tan importantes ocuparían os últimos dez segundos, o último segundo ou quen sabe se algunha centésima solta ás 23.59.

A maior parte da nosa historia é Prehistoria e dela sabemos aínda moi pouco. Por iso son importantes libros como Mi gran familia europea (Editorial Ariel), da xornalista e divulgadora sueca Karin Bojs, nos que se aplican as últimas técnicas da ciencia ao coñecemento da historia, neste caso aos que se consideran os primeiros 54.000 anos do continente europeo.

Existen moitos libros escritos por científicas que expoñen o resultado das súas pescudas, tamén moitos escritos por xornalistas que comentan o traballo de outros. Porén hai moi poucos nos que a persoa que escribe sexa o suxeito da investigación e este enfoque revolucionario é o que trae este libro a esta sección. Karin Bojs tivo un momento de catarse cando finou a súa nai e decidiu iniciar unha pescuda baseada nas técnicas de ADN para aprender máis sobre a súa familia.

O resultado foi espectacular. Coa axuda de diversas empresas que fan análises de ADN a persoas coma vostedes ou coma min, Bojs foi quen de descubrir as súas conexións con poboacións procedentes do sur de Francia ou España, tamén cos primeiros agricultores que saíron de Crecente Fértil e, por último, cos pobos indoeuropeos que entraron en Europa nos primeiros séculos da nosa era.

Só isto abondaría para facer un ensaio de grande interese, pero ademais Karin Bojs viaxa por toda Europa e entrevista aos mellores arqueólogos, historiadores e científicos. Non rexeita as polémicas, mesmo algunhas absurdas e propias das envexas entre departamentos universitarios, e toma partido case que sempre con acerto. Da súa man podemos coñecer a Otzi, o cazador do Tirol, aos autores das pinturas rupestres ou a quen fose que erguese Stonehenge. Por suposto, non podemos atopar resposta a cuestións que seguen sendo estrañas —como conseguiron transportar as pedras enormes do observatorio prehistórico dende Gales ata o sur de Inglaterra?— pero tampouco é este obxectivo dun libro de divulgación.

Bojs enfróntase a un movemento de científicos que tentan demostrar que Europa se desenvolveu de xeito independente, sen axuda de ondas de inmigrantes.

A todo isto hai que sumar unha dimensión política que a priori un non agardaría atopar nun libro deste tipo. Son ben coñecidas as consecuencias nefastas do uso da xenética con fins euxenésicos, algo que lastrou á disciplina nas primeiras décadas da súa existencia e que segue a pesar sobre ela. Por sorte isto non se repetiu dende a aniquilación do réxime nazi... pero iso non implicou a desaparición do uso político da arqueoloxía e a xenética. Bojs enfróntase coas súas páxinas a un movemento de científicos que tentaron e tentan demostrar que Europa se desenvolveu de xeito independente, sen axuda das diferentes ondas de inmigrantes.

A conexión implícita entre os traballos que defenden isto e as suspicacias que esperta a inmigración en Europa nas últimas décadas é evidente: se a agricultura ou a forxa de metais apareceron en Europa sen conexión co Oriente Medio, logo as influencias externas nunca foron decisivas para o noso desenvolvemento... e non teñen que selo agora. E Bojs sae gañadora na batalla con argumentos indiscutíbeis, que van dos achádegos en xacementos até o coñecemento do seu propio ADN e a asunción de que mesmo un habitante da afastada Suecia está conectado con África ou Siria, os territorios agora rexeitados por tantos habitantes da Europa reaccionaria.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/javier-nogueira/os-nosos-antepasados/20200316130539075145.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)