Pablo Iglesias é reelixido como secretario xeral de Podemos co 92% dos apoios

Pablo Iglesias. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera Pablo Iglesias. JAVIER LIZÓN (EFE)

Pablo Iglesias foi reelixido secretario xeral de Podemos co apoio do 92,19% das persoas inscritas que participaron na terceira asemblea estatal da organización. 

Nun comunicado, a formación informa de que a lista encabezada polo tamén vicepresidente segundo do Goberno (Un Podemos Contigo) obtivo 53.167 votos, mentres que o outro candidato que se presentaba á secretaría xeral, Fernando Barredo, conseguiu o 7,81% (4.503 votos). 

"Grazas a todos os inscritos e inscritas que participastes na terceira asemblea de Podemos. É unha honra recibir o voso apoio. Parabén aos novos membros do Consello Cidadán e do Comité de Garantías. Imos deixarnos a pel para seguir demostrando que si se pode", escribiu Iglesias en Twitter. 

En total participaron nestas votacións telemáticas 59.201 persoas inscritas e, ademais de Iglesias, foron elixidos 89 membros da lista gañadora para ocupar o Consello Cidadán Estatal.

Podemos concluíu este xoves as votacións da súa terceira asemblea, un proceso integramente telemático orientado a conseguir un partido máis clásico, sen limitacións de mandato nin topes salariais.

Comentarios