Pachi Vázquez, exlíder dos socialistas galegos, anuncia que deixa o PSOE

"Non comparto case nada do que está facendo a dirección federal", explica o do Carballiño

Pachi Vázquez durante la presentación de su candidatura para las primarias del PSdeG de Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Pachi Vázquez durante la presentación de su candidatura para las primarias del PSdeG de Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)

Pachi Vázquez, exlíder dos socialistas galegos, anunciou este xoves que deixa o PSOE. O político do Carballiño comunicou unha decisión que cualificou como "moi madurada" a través dun comunicado vía wasap, segundo informa La Región.

O que fora conselleiro de Medio Ambiente durante o bipartito asegura que non comparte "case nada do que está a facer a dirección federal e o noso secretario xeral".

Vázquez, que foi a cabeza visible do PSdeG desde que se foi Touriño tras perder a Xunta e ata que Besteiro asumiu as rendas en 2013, foise distanciando nos últimos anos do partido e cada vez era máis frecuentes as súas críticas ao mesmo nas redes sociais. 

"Non comparto case nada do que está a facer a dirección federal e o noso secretario xeral"

Líder do sector pachista do socialismo galego, no últimos anos sufriu varios reveses a nivel orgánico, tanto nas súas aspiracións para ser alcaldable na cidade de Ourense como para facerse co control da secretaría provincial.

Ademais, en 2015 deixou a súa acta de deputado no Hórreo ao ser procesado por unha presunta prevaricación cometida cando era alcalde do Carballiño.

"Vexo que nin o partido nin as persoas que o representan estan cómodas comigo nin co que fixemos durante moitos anos", explica nun conciso comunicado, no que tamén manda unha mensaxe aos seus afíns: "Desexo que a partir de agora vos deixen tranquilos por ser pachistas".

 

O PSdeG non ten constancia
Nacido en 1954 no Carballiño, onde foi alcalde antes de ser deputado e conselleiro. Chegou ao PSdeG procedente do Centro Democrático e Social ( CDS) e ocupou os cargos de secretario provincial e de secretario xeral (2009-2013), antes de ceder a testemuña a José Ramón Gómez Besteiro.

Manuel Vázquez Fernández, que en febreiro cumprirá 65 anos, di que a decisión é "meditada" e admite que el tampouco está "cómodo". Na concisa nota sinala non compartir "case nada do que está a facer a dirección federal" e fai unha chiscadela aos seus fieis ao pedir que "a partir de agora vos deixen tranquilos por ser pachistas".

O PSdeG-PSOE dixo este xoves á noite non ter constancia oficial da marcha de Pachi Vázquez, segundo a Radio Galega.

Comentarios