Imprimir

Pemes e autónomos poden pedir axudas para un comercio e servizos seguros

Europa Press | 10 de agosto de 2020

Unha panadeira entrega unha barra tras un biombo. EFE
Unha panadeira entrega unha barra tras un biombo. EFE
O prazo de solicitude dos apoios da Xunta, de ata 3.000 euros, estará aberto ata o luns 17

As pequenas e medianas empresas, os autónomos e entidades de economía social galegas poden solicitar ata o luns 17 de agosto as axudas do programa Reactiva comercio e servizos seguros

A Xunta activou estes apoios, con achegas de ata 3.000 euros, para implantar nos negocios medidas de protección fronte ao coronavirus, co obxectivo de facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e transporte en condicións de confianza para os consumidores. 

Os apoios cobren os gastos tanto das medidas que se poñan en marcha agora como das realizadas desde a declaración do estado de alarma, a través dunha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados. 

Cunha dotación total de 16 millóns de euros, nesta iniciativa colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro), e Infraestruturas e Mobilidade. 

As axudas poden destinarse á adquisición de equipos de protección individual e desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta a disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas de protección. 

Deste xeito, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e barberías de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1.200 euros. Pola súa banda, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos no 80% do custo nas medidas de seguridade, desde un investimento mínimo de 1.500 euros ata un máximo de 3.750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3.000 euros. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/pemes-autonomos-ainda-poden-pedir-axudas-proteccion-comercio-servizos/20200810201138082994.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)