Opinión

As pernas como Paraíso e Inferno

As nubes matutinas do mércores pesaban tanto que temín que me caesen enriba. Eu agardaba un señor verde intermitente no semáforo cando unha señora me falou. A anciá tinxira hai meses o pelo a xogo coa chaqueta vermella. Unha liña branca de raíz destacaba un centímetro coma unha cenefa de virxe anunciadora

VAI IR TODO a peor —díxome con ollos  ardendo nun apocalipse—. Van tirar A Residencia.
—A Residencia é un vello hospital en desuso... 
—Si, pero van tirala e van apagar as farolas todas para aforrar luz.

Entroume medo porque imaxinei Lugo frío e ás escuras como unha fábrica de pescado abandonada. A muller estaba alterada. Achegábasene coa dentadura falsa bailándolle. Marchei mastigando o chicle dunha excusa porque me pareceu unha transtornada. É decepcionante o xeito no que calificamos de transtorno calquera idea que non se nos ocorre concretamente a nós.

Como son incapaz de chegar ás citas en tempo, sempre me impoño un cuarto de hora de antelación. Iso permíteme ler ese libro mostrenco que adoito levar no peto. En tres tardes de sábado agardando por Javier na súa casa dei lido Maleficio de Stephen King. Javier tiña unha cara tan incomodamente disposta que tarda horas en recompeñerse. A novela vai dun avogado que adelgaza e adelgaza polo mal de ollo que lle lanza unha xitana.

Refuxeime do temor que me provocara a quinta xinete do Apocalipse nunha desas cafeterías tan acristaladas que non sabes se estás dentro ou fóra. A barra era un óvalo comprimido polo centro, coma un lazo de zapato negro. Vin unha rea de machos novos asomados ao interior e logo comprendín o motivo: atendían dúas camareiras de última xeración. Temín polo café que podían preparar polo concentradas que estaban en amosar o xeito o seu esplendor. Agradezo a vasectomía anímica que padecemos aos cincuenta porque  alivia as pulsións e evita que nos reproduzamos febrilmente coma monos de Xibraltar.

Afora empezara a chover napalm e aínda debían transcorrer quince minutos para que empezase a clase de Inglés, así que quedei no fondo da barra para saborear o café. Lendo a George Simenon aprendín que os policías e os asasinos sentan contra a parede para que non os sorprenda a violencia polas costas. Tras de min deslumbraban un neóns truculentos concebidos cun gusto a medio camiño de pub dos anos 90 e recepción de casa de encontros.

Daquela acordei dunha frase bonita que lle lera a Manuel de Lorenzo: 
—A infancia é poder refuxiarte nas pernas de teus pais.

Deducín que a adolescencia consiste en buscar o paraíso nunhas pernas que xa non pertencen os teus pais e a vellez, en tratar de que as túas pernas non se convirtan nun inferno de torpeza e dor.

O luns conversara con Luz Casal sobre o cáncro propio como posibilidade e da morte allea como destino certo. Sorprendeume que a cantante desesperou máis o pasamento do pai que cos seus cancros.
—El cáncer no es definitivo, la pérdida de mi padre sí que lo fue.

Luz Pozo liberouse do valado dos anos que nos encerra a todos


O xoves estiven dialogando sobre o tempo con Luz Pozo Garza. Falamos sobre os océanos de horas que atravesou ela, falamos sobre o pazo dos Garza en Tor, falamos dun crucifixo que lle regalou a nai e sobre a revista La Esfera, que se publicaba cando era nena. A poeta non divide o día en minutos nin en horas, senón en séculos: o pazo do XIV, o crucifixo do XVIII, o seu nacemento en 1922, a revista dos anos 30.

Luz Pozo liberouse do valado dos anos que nos encerra a todos. Ela xa marchou do tempo. Está a piques de soprar unha vela secular na torta de nata e morangos da súa existencia.
—Non hai ninguén que me odie, hai xente que me quere e xente á que lle son indiferente —desveloume o secreto da vida coa mesma lixeira que se me contase a receita da vichyssoise. O seu manual de primeiros auxilios para ser feliz é ser inmune á xenreira, ignorante da maldade e despectiva coa perversión.

Melania Freire ascende polo río da súa linaxe en Guntín a través da roupa de cama dos antergos. Inspirándose nas súas colchas e mantas, e respirando a pintura festiva de David Hockney, a deseñadora lucense gañou o premio á revelación na Fashion Week de Madrid.
—O pano tradicional dá moita información. Pola calidade pode saberse a clase social, se a persoa que o leva está casada ou solteira, o tipo de traballo que fai, se é da costa ou do interior —contoume o martes, sen que eu tivera nunca a sospeita de que as galegas levan séculos cubrindo a cabeza co seu DNI.

A identificación da estirpe do meu avó materno, Francisco, era unha cubertería de prata coas súas iniciais. Viaxaba con ela na maleta alí onde fose. Burguesía vasca.

Sendo novo, José Ovejero marchou a Alemaña para facerse apátrida, aínda que ignoraba «por qué e para qué»


Manuel de Lorenzo tamén é feliz. Domina a arte de improvisar a vida, algo que admiro; eu que vivo atrapado no futuro. O provir é etéreo —auganeve de horas— e cínico, —nunca sabes por onde vai asomar—. José Ovejero logró comprender a Teoría do Todo con soamente 25 anos:
—Mi vocación es la de ser escritor, pero también la de ser extranjero.

Sendo novo marchou a Alemaña para facerse apátrida, aínda que ignoraba "por qué e para qué". Tirar ao lixo a túa nacionalidade é un xeito eficaz de facerse invisible á marcha dos xenerais dos anos, cos capitáns das horas e os soldados dos minutos. A fórmula é manterte indemne á barbarie do espazo-tempo, meterte nun refuxio no que poidas estar entre as pernas poderosas do teu pai ou entre as pernas deliciosas da túa noiva.

Ovejero visitou Lugo o venres para presentar o seu libro ‘Mundo extraño’. Pretendín saber sobre a súa vida de expatriado.
—Nunca hablo de mí. Hablo de literatura. Se me encuentra en mis libros, por detrás. Al final el escritor no tiene importancia. Suelo derivar las entrevistas hacia la literatura.

Ao cabo non dei asimilado o motivo de que deixase un remuneradísimo funcionario da Unión Europea. Aburrira de reconducir conversas entre o alemán, o francés,o inglés e o español. Preferiu conducir o monólogo de ser escritor profesional.

Manuel de Lorenzo tamén vive de escribir, pero coida moito de non pechar os ollos. Durme sen pegar as pálpebras, como fan os inspectores de Simenon. Sen embargo, cando sentamos nunha terraza para compartir uns ribeiros e unhas frases senta mirando cara ao local. Podería matalo calquera desequilibrado, pero el e máis Luz Pozo Garza nin intúen que existe o mal. Teñen unha gran fe no Concilio de Letrán. Mesmo son expertos en anxos da garda e eu non o sei.

Manuel e máis levamos dous anos de diálogo sobre a súa primeira novela. Como me impide que a lea —sabe que son máis esixente canto máis talento vexo— propoñemos, debatemos e discutimos sobre unha materia que el me asegura que existe e da que dubido. Pura teoloxía literaria. Debo dala por certa, como cando dou por certa a resolución do Concilio de Letrán, de 1252, onde decidiu que "Deus creou da nada a criatura espiritual e a corporal, é dicir, a anxélica e a mundana, e despois a humana, composta de espírito e de corpo". Disque a súa novela, Todo lo demás era silencio, vai ter corporeidade o día 25 abril. Confío en que provoque unha revolución de caraveis.

Comentarios