Podemos envía ao PSOE unha nova proposta para un Goberno de coalición

Contén "medidas programáticas e de competencias", para retomar o diálogo
Pablo Iglesias. J.J. GUILLÉN (EFE)
photo_camera Pablo Iglesias. J.J. GUILLÉN (EFE)

Unidas Podemos enviou este martes unha nova proposta ao PSOE, con medidas "programáticas e de competencias", para retomar o diálogo sobre un goberno de coalición.

Segundo o comunicado difundido pola formación morada, o documento contempla "catro opcións distintas" para a participación de Unidas Podemos na repartición de responsabilidades no Goberno e unha proposta programática baseada no documento que os equipos negociadores xa estaban a traballar conxuntamente en xullo.

Podemos precisa que "non é o momento de reproches" e que a súa intención é retomar o diálogo "desde onde o deixamos no mes de xullo, cando a escaseza de tempo impediu que lográsemos un acordo co PSOE do que estabamos cerca".

A proposta programática está baseada na segunda versión do documento "España Avanza" que o PSOE fixo público en xullo e no Acordo Orzamentario para 2019 que Unidas Podemos e o PSOE xa asinaron o pasado outono.

No documento, a formación que lidera Pablo Iglesias identifica dez cuestións craves para a negociación, entre as que figuran derrogar a reforma laboral, universalizar a rede pública de escolas de 0 a tres anos, construír un país feminista, situar á 'España Baleirada' no centro das políticas do novo Goberno ou loitar contra a corrupción.

A lista complétase con baixar prezos do aluguer e garantir o dereito á vivenda, garantir a xustiza social, loitar contra a urxencia climática, apostar pola ciencia e investigación, e impulsar unha nova Europa máis democrática e social.

Podemos recorda que os españois votaron o pasado 28 de abril para que os partidos políticos "dialoguen, negocien e cheguen a acordos" e, por iso, considera importante retomar a negociación para conformar "un Goberno de coalición que traballe por e para a xente".

O equipo encargado de negociar estará formado por Pablo Echenique, Ione Belarra, Jaume Asens, Yolanda Díaz, Enrique Santiago e Juantxo López de Uralde. 

Comentarios