Pontón: "É importante que quen lidere a Xunta teña as mans libres"

"A historia demostra que a submisión aos partidos estatais fixo que as cousas non fosen ben en Galicia", afirma a candidata do BNG
Ana Pontón. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Ana Pontón. LAVANDEIRA JR (EFE)

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, asegurou este martes que "ningún galego dubida que o 12-J haberá un Goberno alternativo se non hai maioría absoluta do PPdeG", aínda que "é importante quen o lidera, porque Galicia necesita un Goberno coas mans libres para defender os nosos intereses". 

"A historia demostra que a submisión aos partidos estatais fixo que as cousas non fosen ben en Galicia e agora, vendo como se reparten os fondos para a reconstrución ou como pecha unha central térmica sen plans de desenvolvemento, é un momento clave para que Galicia teña un Goberno coas mans libres para defender os seus intereses", sinalou nunha entrevista en RNE. 

Así mesmo, Pontón tamén apuntou que o debate celebrado o pasado luns na CRTVG serviu "para pór de manifesto que a alternativa ao PPdeG é o BNG", unha formación "que ten un proxecto de futuro para enfrontar os cambios que necesita esta situación". 

"Sería necesaria unha segunda volta, xa que quedaron moitos temas pendentes e preocúpanos que o próximo 12 de xuño haxa abstención, algo que sempre é unha mala noticia para a democracia", proseguiu a líder nacionalista, quen entende que os galegos "teñen máis motivos que nunca para apoiar ao BNG, ao que ven como a alternativa". 

"Galicia enfróntase a unha crise demográfica cada vez máis aguda e nos últimos anos perdéronse 20.000 industriais"

 Cuestionada sobre a importancia que podería que ter a pandemia da covid-19 nas eleccións, Pontón afeou que o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "queira tapar o desastre de once anos de xestión detrás dunha pandemia na que, ademais, cometeu moitos erros que sería necesario recoñecer para non repetir". 

"Galicia enfróntase a unha crise demográfica cada vez máis aguda e nos últimos anos perdéronse 20.000 industriais e deixouse un sector primario en retroceso: os que estiveron destruíndo a nosa economía non poden ser os que a reconstrúan, necesítase unha alternativa con novas ideas para construír un futuro mellor", engadiu. 

Preguntada polas súas primeiras decisións desde a Xunta de Galicia, Pontón incidiu na necesidade de pór en marcha "un cambio de modelo económico", cunha aposta "pola ciencia e a innovación, por pór freo ao abandono do rural e por novas políticas no ámbito ambiental". 

"Galicia teno todo para poder ser a envexa de Europa, un gran potencial e moitos recursos, pero necesitamos un Goberno que crea neste país e que teña confianza nel", concluíu. 

Comentarios