Pontón pide o voto en Vigo para que Galicia teña "un goberno leal"

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, advirte que non se trataría só dun novo ciclol político, senón o nacemento dunha "nova Galicia"
Ana Pontón, nun mitin da camapaña. BRAIS LORENZO
photo_camera Ana Pontón, nun mitin da camapaña. BRAIS LORENZO

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do domingo, Ana Pontón, pediu este xoves en Vigo á cidadanía que apoie a súa candidatura para conseguir algo tan revolucionario como darlle a Galicia un Goberno leal co país.

Se todas as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionrio como darlle a Galicia un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país, liderado, por primeira vez, por unha muller, dixo a candidata.

Pontón volveu insistir na aposta do seu partido pola economía verde, o I+D+i, a reindustrialización e a repatriación de talento para modernizar Galicia.

Tamén se referiu á importancia da igualdade real entre home e mulleres e á defensa pechada dos servizos públicos en contraste coas políticas do Partido Popular, a cuxo candidato e presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, volveu cualificar de irresponsable por supeditar a súa acción na Mariña a cálculos electoralistas.

Por iso, a líder nacionalista comprometeuse a ser unha presidenta que sempre lle vai a dicir a verdade aos galegos e a dar a cara ante os problemas.

Feijóo está a comportarse como un candidato irresponsable ao que non lle importan nada os veciños da Mariña, nin lle importa garantir o seu dereito á saúde, nin tampouco lle importa garantir o seu dereito a votar, dixo Pontón, quen sinalou que os galegos lle pasarán a factura nas urnas, empezando polos propios habitantes da Mariña.

Os indecisos e os novos foron os electores aos que máis se dirixiu Pontón para pedir que a xente acuda ene masa ás urnas.

Que ningún voto do cambio galego quede en casa, que non se perda ningún voto do cambio real, sinalou. 

Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, subliñou que está en marcha un novo ciclo político, o cal non é exclusivamente político ou electoral, senón que é todo un cambio mental porque está a nacer unha nova Galicia, un país con ilusión, con confianza en si mesmo, con determinación e valentía que lidera o Bloque. 

Hai miles de persoas de todas as idades e condición que se están sumando ao cambio galego, que queren un país que teña á fronte unha presidenta con ideas novas para saír do letargo e do desánimo en que se atopa agora, sinalou Bará.