Opinión

O presidente que Ama os Muros...

Prometeu erguer un na fronteira con México. Para impedir o paso de "criminais, traficantes e violadores" con escaso éxito. A esperanza dos derrotados é máis forte que os valados máis altos. Agora vén de levantar outro para se protexer na Casa Branca da ira de concidadáns indignados pola morte dun home negro a mans da Policía.

A un lado do muro, un dirixente illado enchendo de falsidades, faltas de ortografía e incoherencias a rede social. Cunha linguaxe incendiaria encona e divide o país sembrando odio e violencia.

No lado de fóra manifestantes erguen a proclama: «Black lives matter» contra o racismo, a cegueira das institucións e o abuso policial que matou a George Floyd. Como non hai fronteiras para a ira antirracista, as protestas ferven nas arestas do mapa.

No lado de dentro, un tipo engaiolado no seu pequeno mundo ruminando nas redes rancores e fantasías. De momento, omnubilado pola reducción das cifras do paro, volve onde solía, a confundir o deus dólar coa dor que enche as rúas.

O presidente que Ama os Muros protéxese da marea de manifestantes, a maioría pacíficos. Coa súa bandeira excluínte "America first!" éche paradigma do populismo: solucións doadas a problemas complexos, trampulleira denuncia das élites, antipluralismo e demonización do adversario, e torpes intentos de monopolizar a representación moral do pobo. Dono dunha política sectaria, onde os partidos xa non representan a diversidade, segue a ter sólida base electoral onde se entrecruzan a desesperanza dos brancos pobres e os intereses dos republicanos ricos.

Acurralado nunha Casa Branca, illada e fortificada, levantada por escravos negros, terá tempo para reflexionar sobre o pecado orixinal do gran país, o racismo. O parque Lafayette, onde se atopa, foi mercado de escravos.

A imaxe de alguén que necesita refuxiarse tras dun valado de policías, arame e armas, ameazado por compatriotas, xa non é a imaxe dun líder, presidente de todos, senón un tipo engaiolado nunha fantasía triste e delirante.

Desde a chegada de Trump á Casa Branca o mundo é máis feo, desigual, inseguro. Fracturou en dous o país onde a bandeira e o patriotismo son dogmas de toda posición política. Alenta unha dialéctica cainita para romper outros países. Quere destruír a UE, unha das conquistas do s.XX. Apoia o matonismo de multinacionais que apenas pagan impostos alí onde gañan moitísimo. Agora, prisioneiro na zona verde fortificada, a Casa Branca non é casa de todos senón monumento á covardía fronte a xente pacífica e farta.

A metáfora é fácil. Quizais sexa boa medida engaiolar con valados metálicos a este home para un tempo de reflexión. Leva tanto tempo inventado inimigos que quizais se decate de que o inimigo é el. Detrás dos muros que ama.

Comentarios