Esta é a primeira imaxe dun buraco negro

A histórica fotografía obtívose a partir dunha rede oito observatorios situados en distintos puntos do mundo

photo_camera A primeira imaxe dun buraco negro. EFE

Os científicos responsables do Telescopio do Horizonte de Sucesos (EHT) presentaron este mércores a primeira imaxe dun buraco negro, un dos grandes misterios do universo.

A histórica fotografía, obtida a partir dunha rede oito observatorios situados en distintos puntos do mundo, consiste nun anel cunha metade máis luminosa que a outra, que corresponde ao buraco negro supermasivo situado no centro da galaxia M87, a 53,3 millóns de anos luz da Terra.

A imaxe construíuse como un puzzle a partir de diferentes fotografías tomadas en catro días distintos

"Transformamos un concepto matemático, algo que se explica con fórmulas nunha lousa, nun obxecto físico que se pode observar", explicou o italiano Luciano Rezolla, profesor de Astrofísica da Universidade Goethe de Frankfurt e parte do equipo científico responsable do achado.

A imaxe construíuse como un "puzzle" a partir de diferentes fotografías tomadas en catro días distintos pola rede de telescopios funcionando como un único radiotelescopio, comentou a investigadora polaca Monika Moscibrodzka.

"Nada do interior pode vivir e ser transmitido ao exterior (...). Non podes ver un buraco negro, pero podes ver a súa sombra, que se produce cando a luz desaparece tras o horizonte de sucesos (do buraco)", explicou o presidente do consello do Telescopio do Horizonte de Sucesos, Heino Flacke.

De Einstein a Hawking
Os buracos negros, imaxinados a inicios do século XX polo físico Albert Einstein e teorizados polo seu colega Stephen Hawking nos anos setenta a partir da radiación que emiten, son unha masiva concentración de materia comprimida nunha área pequena que xera un campo gravitatorio que engole todo o que lle rodea, incluída a luz.

Ese misterioso fenómeno astrofísico supón a última fase na evolución dun tipo de enormes estrelas que son polo menos 10 veces máis grandes que o Sol. Cando unha xigante vermella se achega á morte, reprégase sobre si mesma e concentra a súa masa nunha superficie moi pequena, que se coñece como anana branca.

Se este proceso de gravidade extrema continúa, transfórmase nun buraco negro, delimitado polo que se coñece como horizonte de sucesos, que é o punto de non retorno a partir do cal nada que exceda esa fronteira pode escapar da súa atracción do buraco, e en cuxos contiguos viran aglomeracións de gas a aproximadamente nunha órbita circular.

"A astronomía é algo que non se fai só desde o teu despacho. Ás veces hai que embarcarse nunha expedición. E hai dous anos uns científicos embarcáronse nunha expedición ao lugar máis remoto", resumiu na presentación o español Eduardo Ros, coordinador do Departamento de Radio Astronomía/Interferometría de moi longa base do Instituto Max Planck de Bonn (Alemaña).

Comentarios