Prisión preventiva para un veciño da Guarda detido por tráfico de drogas

Acúsaselle de ser o responsable dun importante punto de venda e distribución de cocaína e heroína

O xulgado de instrución de garda de Tui decretou o ingreso preventivo en prisión dun residente na Guarda que foi detido como suposto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

A este home, informa a Garda Civil, acúsaselle de ser o responsable dun importante punto de venda e distribución de drogas localizado no municipio no que reside.

No momento da súa detención estaba en posesión de cocaína e heroína "en cantidades sensiblemente superiores ás admitidas para consumo propio".

O home xa fora detido en setembro de 2017 tras ser sorprendido vendendo heroína a un consumidor en plena rúa.

Por mor da súa posta en liberdade, abundan as fontes, a Garda Civil renovou as pescudas para comprobar se cesara na súa actividade ilícita.

Os dispositivos de vixilancia e control desenvolvidos por efectivos do posto da Guarda, co apoio do equipo de investigación de Tui, detectaron un aumento de consumidores nas rúas próximas ao seu domicilio, así como noutro punto de venda alternativo.

Finalmente, o home foi detido o pasado venres na vía pública con algo máis de dez gramos de heroína e varias doses de cocaína.

Unha vez arrestado como suposto autor dun delito contra a saúde pública fixo entrega de vinte papelinas de cocaína máis, outras tres de heroína, un bote con sustancia de corte e dúas básculas de precisión.

Comentarios