Prohibido entrar con mochilas e bolsos grandes na Praza do Obradoiro na noite do 24 e a mañá do 25

O Concello de Santiago habilita o pavillón Lorenzo da Torre como consigna

A praza do Obradoiro ateigada de turistas
photo_camera A praza do Obradoiro ateigada de turistas

Santiago de Compostela prepárase para os días grandes da festividade do Apóstolo, que alcanzan o seu punto álxido na noite do 24 e ao longo do día 25, xornada na que, ademais, a capital galega concentra os actos do Día de Galicia.

Así, como en anos anteriores, o acceso á Praza do Obradoiro quedará restrinxido a partir das 18.00 horas deste martes, momento no que quedará pechada para facilitar o acceso do público ao espectáculo pirotécnico e audiovisual.

Ademais, a entrada ao Obradoiro con mochilas e bolsos de gran tamaño estará prohibida desde a tarde noite do 24 de xullo. A medida manterase ao longo da mañá do día 25, xa que a praza compostelá alberga os actos da Ofrenda ao Apóstolo.

O consistorio local habilitará como consigna o pavillón Lorenzo da Torre -situado na Avenida Xoán XIII-. O horario de apertura será de 18.00 a 1.00 horas o martes e de 8.00 a 13.00 horas o día 25.

RECOMENDACIÓNS. Así mesmo, a través dun comunicado, o Concello de Santiago realiza unha serie de recomendacións aos veciños e visitantes para evitar as inconveniencias que poida xerar a festividade do Apóstolo e os actos do Día da Patria, que congregan na capital galega a miles de persoas.

Deste xeito, recomendan aos condutores empregar a AP-9 como circunvalación da cidade e prestar atención aos paneis informativos situados á entrada da contorna urbana, así como que eviten estacionar o coche no centro.

Por último, tamén aconsellan non circular pola contorna da Praza de Galicia entre as 11.30 e as 14.30 horas para evitar as manifestacións que percorren as rúas de Santiago o día 25 de xullo.

Comentarios