Puigdemont considera que a sentenza "confirma a estratexia de represión"

Pide que as eleccións do 10-N se convertan nunha "resposta masiva e sonora de rexeitamento, dignidade e firmeza" 
Puigdemont. EFE
photo_camera Puigdemont, durante unha rolda de prensa este luns en Bruxelas. EFE

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont fixo este luns un chamamento á mobilización non violenta tras coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo sobre o proceso independentista en Cataluña, que ao seu xuízo "confirma a estratexia de represión e vinganza". 

Nunha declaración na delegación da Generalitat de Cataluña en Bruxelas na que non aceptou preguntas nin fixo referencia á reactivación da euroorde contra el, o líder independentista asegurou ademais que tras o fallo do Alto Tribunal español "queda máis reforzada que nunca a necesidade de vivir nun país verdadeiramente libre". 

"Temos que mobilizarnos e temos que facer sentir a nosa voz. Hai moitas formas e todas teñen que ser democráticas e non violentas", expresou. "Hai que responder con máis forza que nunca", dixo, logo de instar a converter as eleccións xerais do 10 de novembro nunha "resposta masiva e sonora de rexeitamento, dignidade e firmeza". 

"Non nos podemos resignar a aceptar un 'statu quo' regresivo. Non podemos resignarnos como cataláns nin tampouco como europeos", engadiu o expresidente da Generalitat. 

Esta resposta ao fallo do Supremo, dixo, afecta tamén a aqueles cidadáns cataláns que "lexitimamente se opoñen á indepedencia de Cataluña" porque "a regresión de dereitos e liberdades" e "a ameaza ao autogoberno" prexudica "a todo o mundo". 

"Apelo a independentistas e non independentistas de Cataluña que por encima de todo aman a liberdade e democracia para que nos unamos baixo un mesmo reclamo e digamos basta, que transformemos a indignación en enerxía positiva", subliñou. 

Puigdemont fixo este chamamento acompañado de Toni Comín, Lluíg e Meritxel Serret, os tres exconselleiros cataláns que fuxiron a Bruxelas hai xa dous anos, pouco despois de que se coñecese que o xuíz Pablo Llarena reactivou a orde europea de detención e entrega contra el. 

Comentarios