Puy, sobre as palabras de Durán sobre Silva: "Non teñen cabida na política galega"

O popular tacha de "desafortunadas" as declaracións do alcalde de Vilanova â??A oposición pide a súa dimisión 

Pedro Puy. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Pedro Puy. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, reprobou este luns as ofensas proferidas por parte do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, (PP) contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nunha xornada na que os representantes dos grupos parlamentarios da oposición esixiron a dimisión do rexedor.

"Non podo máis que reiterar que me parecen unhas palabras profundamente desafortunadas", declarou Puy, despois de que esta fin de semana Durán tachase a Silva de "chacha para todo" do "ancián" alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O portavoz popular insistiu en que as persoas que exercen cargos de representación pública deben ter "un coidado especial da linguaxe" e que afirmacións deste tipo "non teñen cabida na política galega", aínda que -apuntou- tamén se deron casos similares entre os grupos da oposición.

Puy: "Non podo máis que reiterar que me parecen unhas palabras profundamente desafortunadas"

"Algúns dos que se queixan polos exabruptos do alcalde de Vilanova non destacan precisamente por ter coidado" cos cualificativos que empregan para referirse aos seus adversarios políticos, sostivo.

No entanto, Puy non entrou a comentar se o partido debe sancionar dalgunha forma a Durán polas súas declaracións e resolveu o debate sentenciando que a política non se debe converter "no que moitos a están convertendo": no "escenario dunha pelexa dunha conversación de altas horas de madrugada nunha taberna".

Pola súa banda, os grupos parlamentarios da oposición coincidiron en demandar a dimisión ou o cesamento inmediato do alcalde de Vilanova de Arousa, posto que entenden que os seus posicionamentos son contrarios a calquera política de igualdade que se poida aplicar.

Villares: "Xa está ben de que condutas machistas como estas queden impunes"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, incidiu en que Durán é un "indigno representante" público que, polo tanto, ou ben "debe presentar a súa dimisión inmediata" ou, no caso de que non o faga, que o PP lle retire o apoio.

Villares lamentou que a do PP sexa unha realidade machista, "a do alcalde de Vilanova", pero tamén a "realidade" do rexedor de Noia mofándose das mulleres, a do de Palas de Rei "condenado por acoso" ou a de Manuel Baltar, "o acosador", asegurou.

"Xa está ben de que condutas machistas como estas queden impunes", concluíu.

Leiceaga insta a Feijóo a tomar medidas para que Durán termine "fóra da vida política galega"

Á súa vez, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non pode ir" ao debate do estado da autonomía que comeza este martes "sen que isto se resolva" e instouno a tomar medidas para que Durán termine "fóra da vida política galega".

De igual forma, puxo en dúbida o suposto compromiso do PP coa igualdade de xénero ao recordar outras situacións como a súa oposición á folga feminista do 8M e, sobre as descualificacións contra Carmela Silva, asegurou que reproducen unha "senda de agravio" xa iniciada por outros ataques como o cualificativo de "floreiros" empregado pola portavoz de Igualdade popular no Parlamento galego, Marián García, para referirse ás novas ministras.

Finalmente, a deputada autonómica do BNG Olalla Rodil, tamén mostrou o seu "total apoio" a Silva, a quen lle recordou que a frase do rexedor "retrátao" a el.

Rodil: "Alguén que ataca unha muller polo mero feito de selo, non pode estar á fronte dun cargo público"

"Desde o BNG cremos que ten que dimitir" porque alguén que "ataca unha muller polo mero feito de selo, non pode estar á fronte dun cargo público".

Con todo, incidiu en que esta actuación non sorprende, ao chegar desde as filas do PP galego, xa que o seu líder, Alberto Núñez Feijóo, "destacou no debate parlamentario por 'machistadas'" contra a portavoz do BNG, Ana Pontón. 

Comentarios