Opinión

Que é un oncólogo?

Tampouco sabemos moi ben que cousa é iso do grafeno, material case milagreiro con posibilidades infinitas. Son noticias recentes. A Pablo Jarillo, investigador español no MIT de Massachusetts concedéronlle o premio Wolf de Física, antesala do Nobel, por atopar un ‘angulo máxico’ que convirte o grafeno en superconductor. Noticia grande cun titular miúdo. Os de trazo rechamante resérvanse para o rebumbio político cotiá, personaxes banais, néboa mesta que impide ver a realidade. O físico non é un deles: é dos imprescindibles. 

Tampouco aparecen nos titulares os nosos investigadores, médicos, músicos excelentes, informáticos exiliados na busca dun pouco de quentura económica fóra. Somos así. Pagamos a prezo de ouro, diamantes e rubíes futboleiros con soldos delincuentes. E exportamos a prezo de saldo talento e cerebros que costaron rubíes, diamantes e ouro amoblar.

Vimos de ler outra noticia. Poderiamos titulala ‘España investiga fóra’. Porque un equipo de científicos do Instituto Sloan Kettering de Nueva York liderado polo oncólogo español Joan Massagué atopou unha vía inédita para o tratamento da metástase do cancro, esa propagación pola xeografía do corpo responsable de nove de cada dez mortes da enfermidade. Trinta anos de investigación que agora dan froito. Pero a nosa política neste campo segue ser a do burro con orelleiras que non deixan ver máis aló de catro anos.

En Galicia asistimos agora mesmo a 5ª vaga migratoria, en plena democracia, apenas tres décadas despois da que baldeirou de mocidade a nosa terra desde 1950 a 1975

O investigador H. Dvorak dicía que os tumores son feridas que non sanan. Semella unha metáfora da investigación en España: ferida que non acaba de curar. E iso que nos vai a vida. E a economía. Nun país que cambiou e mellorou tanto, que se enriqueceu tanto, investigar segue a ser sinónimo de chorar. «¡Que inventen eles!», lapidaria expresión de Unamuno e tópico lamentable que nos acompañou tanto tempo e convén desterrar.

Non estraña pois, que aquí en Galicia asistamos agora mesmo a 5ª vaga migratoria, en plena democracia, apenas tres décadas despois da que baldeirou de mocidade a nosa terra desde 1950 a 1975. A mocidade, donos da forza, heterodoxia e dos mellores cerebros, sen moitas saídas aquí, segue a ser maltratada. Mentres para o goberno de turno, a solución para reequilibrar a pirámide demográfica convertida en trompo, está na volta ao natalismo. Ter fillos. Que as mulleres teñan máis fillos: luxo que moitas parellas novas, atrapadas nun modelo económico desapiadado, non se poden permitir.

As multimillonarias axudas que chegaron de Europa para potenciar outros modelos produtivos non están a dar froito. E ducias de miles de rapaces vense na obriga de marchar dunha terra que inviste a súa formación e logo expulsa ás ‘tebras exteriores’ tanto valor engadido. Mentres seguimos a preguntarnos que será iso do grafeno. Ou qué é un oncólogo.

Comentarios