Queremos Galego convoca manifestacións en trece localidades este venres

O membro da plataforma Luís Pérez Barral anunciou que quixeron este ano "deslocalizar a gran manifestación que se facía todos os anos en Santiago

Manifestación de Queremos Galego en 2017. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Manifestación de Queremos Galego en 2017. LAVANDEIRA JR (EFE)

A Plataforma Queremos Galego convoca este ano manifestacións en trece localidades de Galicia o 17 de maio con motivo do Día das Letras Galegas.

O membro da plataforma Luís Pérez Barral anunciou este luns en Lugo que quixeron este ano "deslocalizar a gran manifestación que se facía todos os anos en Santiago, para facilitar que todas as persoas se poidan achegar ás mobilizacións que serán simultáneas" en toda Galicia, en defensa do idioma galego.

Así, avanzou que "van ser 13 vilas e cidades, onde se van rexistrar estas mobilizacións, baixo a lema Liberdade, igualdade e xustiza para o galego". "Cremos que hai que reivindicar a situación anómala que vive a lingua galega", sostivo.

Entre esas situacións "anómalas", Pérez Barral denunciou que "a Xustiza dita o 95 por cento das sentenzas en lingua castelá, e un cinco por cento en galego, ou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula parte da ordenanza de normalización lingüística no Concello de Lugo".

Así mesmo, censurou, á súa vez, que no ámbito do ensino case un "23 por cento das persoas entre catro e quince anos non sabe falar galego".

Nesta liña, Barral reivindica "igualdade" para que as persoas que falan galego non teñan "impedimento de ningún tipo á hora de falar" a lingua de Galicia "en calquera situación".

DOCUMENTACIÓN EN GALEGO. "Por exemplo, hai empresas que nos negan atención se queremos un documento en galego; non podemos abrir unha conta bancaria en galego, o seguro do coche négasenos se pedimos a póliza en galego ou, por exemplo, se nos queremos dirixir á administración do Estado se somos estudantes corremos o risco de que non se nos conceda a bolsa polo mero feito de facer a petición en lingua galega", denunciou.

En canto ás manifestacións deste venres, na cidade Lugo sairá ás 12,00 horas do venres 17 da Praza Maior.

Comentarios