Opinión

Queremos turismo?

CADA VEZ que un gobernante, deses que hai hoxe máis optimistas (ou inconscientes) que preparados, parrafea sobre o turismo, faino normalmente para xustificar a ausencia de proxectos noutros campos da economía, e pensa, cre, que o do turismo é un grande invento capaz de xerar crecemento económico ou, cando menos, movemento, entendendo por este o traslado de persoas, de mercadorías, de diñeiro... e de refugallos.

Cada vez que escoitamos sen moito agrado que a solución dun problema económico do campo produtivo se resolve co turismo, hai algo que renxe moi forte na parte da cabeza onde se aloxan as neuronas e que están esperando algunha cousa que teña a ver coa razón económica e non coa moda ou coa emulación do viciño. Os problemas da pesca de baixura, da pequena produción agraria, gandeira ou forestal, do pequeno comercio, da crise da construción, da pequena produción industrial, do incerto porvir de miles de autónomos que fican esmagados polo poder e privilexios das grandes compañías, non se amañan co turismo máis ou menos aparente. A ausencia de plan de desenvolvemento económico acaído ás necesidades dun pobo e utilizador dos seus recursos disponíbeis (por exemplo, man de obra cualificada e outra menos cualificada, pero disponíbel) non se solucionan co turismo.

En fin, os problemas económicos –ou o deseño de plans económicos de crecemento a medio prazo– poden contar coa necesidade de desenvolveren infraestrutura para visitantes, pero non teren máis confortábel o cuarto de invitados que o proprio. Unha primeira consideración verbo das cautelas de endeusar o turismo é simplemente observar como lle foi a outros que se dedicaron intensamente a ese fenómeno. Desa observación despréndense dous corolarios: o país ao que lle vai ben coa súa economía produtiva e diversificada, se ten turismo, conta cun outro medio de xerar riqueza. Na economía dun país que xire sobre o único eixo do turismo (ou moi elevado), de modo e maneira que se poida dicer que depende do turismo, vaille moi mal na vida. Depender do turismo é igual que depender das exportacións dun só produto, sen ter a exclusiva mundial do mesmo. A dependencia convértese en afogamento se o tamaño do país é pequeno, xa que as posibilidades de cambio a curto prazo de actividade económica son moi reducidas, e como a orixe da demanda do servizo turístico non é controlábel polo pequeno país, o degrau de dependencia afonda tamén o dano producido. Non é igual mirar o ben que lle vai a Franza, vendendo turismo, que a Túnez. No primeiro caso o turismo é tal, ademais da industria potentísima, do seu carácter de potencia nuclear, do seu poder financeiro no mundo, e da capacidade de exportar capital controlando outros moitos focos de produción en calquera lugar do mundo. Túnez, se non concita o interese dos turistas, vese afogado pola débeda exterior que (ouh! casualidade) aumentou enormemente para construír infraestrutura turística. Desta maneira, emprega aforro nacional en pagar débeda externa en lugar de realizar investimento interno, útil para o crecemento autocentrado. (Continuará).

Comentarios