Quince proxectos biotech galegos aprenden como captar o interese dos fondos de capital

Bioga e a Axencia Galega de Innovación impulsan o Bio Investor Academy 2019, unha iniciativa que forma proxectos para que presenten o seu plan de negocio e accedan a investidores
Participantes na primeira sesión formativa. BIOGA
photo_camera Participantes na primeira sesión formativa. BIOGA

Quince proxectos e iniciativas vinculadas á biotecnoloxía en Galicia recibirán nos meses de setembro e outubro unha formación que lles permitirá coñecer e desenvolver as técnicas para espertar e atraer o interese dos investidores públicos e privados en I+D cara ás súas iniciativas.

Os líderes deses proxectos, na súa maioría vinculados á investigación, aprenderán a seducir aos fondos de capital especializados no sector bio. O obxectivo final: que eses investidores aos que terán que presentar o seu proxecto arrisquen o seu capital e invistan nas súas ideas.

Cada proxecto atraerá o interese para unha diferente finalidade: dar os primeiros pasos, impulsar un avance xerado dunha investigación, lanzar un novo produto ou, por exemplo, abrir mercados. Este venres comezaron a súa formación no Bio Investor Academy 2019.

Os investidores en I+D públicos e privados estarán presentes na VIII Lonxa de Investidores Biotech, que terá lugar o 17 de outubro no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal). Aí as iniciativas biotech galegas terán a oportunidade de explicar o seu plan de negocio e convencer aos investidores de que o seu proxecto biotecnológico é viable e innovador e que merece que aposten por el.

O Bio Investor Academy 2019 –así se denomina a iniciativa que cumpre a súa oitava edición– está impulsada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que preside Carme Pampín, e pola Axencia Galega de Innovación (Gain).

Dúas das empresas que se formarán no Bio Investor Academy son socias de Bioga: Origo Biopharma e Ecolagunas. Tamén participa Inbiogal, unha spin-off da Universidade de Vigo. O resto de iniciativas son proxectos aínda non constituídos como sociedades. E son: Nanoevers, vinculada á unidade de Nano-oncoloxía do IDIS; TraffikGene, liderada polo investigador do CIQUS Javier Montenegro; MatPrint, do Instituto de Cerámica de Galicia; Biobalmis, vinculado á Fundación Profesor Novoa Santos; un proxecto que aínda non ten nome e que desenvolve novos dispositivos filtrantes para o tratamento de augas en acuicultura; Stelabus; outra iniciativa tamén sen denominación que traballa en biomarcadores ópticos para o diagnóstico temperán de artrose; iTechTerm; Nanostring, do Grupo Genvip do IDIS; KitDitoba, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC); MP Line e HF-OROME. Non todos os proxectos que participan nesta iniciativa acudirán á presentación ante os fondos de investimento.

CÓMO SEDUCIR. O Bio Investor Academy 2019 celebrou este venres no edificio Emprendia (USC), en Santiago de Compostela, a súa primeira sesión formativa. O equipo de formadores está liderado por Eladio Crego, consultor senior especializado en empresas innovadoras en EFT Consulting. E complétano Jesús Díaz, consultor senior de Estratego Consulting Global, e Sandra Rodríguez, directora de Growcom.

As quince empresas aprenderán como seducir aos investidores para lograr o seu apoio financeiro e así sacar adiante os seus proxectos. Tamén coñecerán que estratexias deben aplicar para captar investimento e así convencer a investidores públicos e privados ou que capital será necesario para pór o seu proxecto no mercado. "Tratamos de explicarlles como é o proceso para conseguir financiamento de investidores privados e tamén públicos e como teñen que relacionarse con eles", explica Eladio Crego, quen engade que “esta formación tamén axuda a autoavaliarse, a coñecer se os diferentes proxectos biotecnolóxicos están listos para acceder ao investimento”.

Comentarios