Quinteiro descarta dimitir porque sería "unha vitoria" do Partido Popular

Abre a porta a someterse a un proceso revogatorio pero reitera que non acatará o resultado da consulta ás bases sobre o seu futuro porque "non é o procedemento axeitado"

Paula Quinteiro, en el pleno. PEPE FERRÍN
photo_camera Paula Quinteiro, en el pleno. PEPE FERRÍN

Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolta nun incidente coa policía que realizaba un control por unha denuncia por vandalismo, reiterou a súa intención de permanecer como parlamentaria no Pazo do Hórreo, xa que entende que a súa renuncia suporía "dar unha baza" ao PP, formación que, ao seu xuízo, é a "única gañadora" da polémica interna xerada en En Marea por mor dos feitos ocorridos na madrugada do 18 de marzo en Santiago. 

Nunha entrevista en Europa Press este domingo, Paula Quinteiro (Vigo, 1990) asegura que está disposta a "someterse á opinión das bases" a condición de que se realice a través do "procedemento adecuado". Este, segundo defende, sería o proceso revogatorio que prevén os estatutos de En Marea e que, polo momento, descarta realizar a dirección do partido instrumental, que aposta por unha consulta cuxo resultado non será vinculante e que ten por obxectivo empuxala a dimitir. 

Así, a parlamentaria viguesa reitera que non acatará o resultado de dita consulta aos inscritos --cuxa data de celebración, a falta de ser ratificada, está fixada para o martes 22 de maio-- porque denuncia que se trata dun proceso sen "garantías", reivindicación que apoia o sector crítico coa dirección de En Marea. 

"Consideramos que a consulta é ilexítima porque non se cingue aos estatutos. Non teño problema en someterme á opinión das bases, pero cos mecanismos garantistas que nos dotamos. Está a usarse un proceso sen garantías e eu non estou a ter dereito a defenderme", indica, para logo engadir que as acusacións que penden sobre a súa persona están baseadas nun "relato falso" que "ao ser repetido mil veces, algo sempre queda". 

Comentarios