A RAG recorda o poder de sedución de Casares nas columnas do periódico

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, incidiu este xoves na faceta de "sedutor" coa palabra do escritor

Víctor F. Freixanes. TWITTER
photo_camera Víctor F. Freixanes. TWITTER

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, incidiu este xoves na faceta de "sedutor" coa palabra de Carlos Casares, homenaxeado este ano nas Letras Galegas, que se achegaba ao lector cun xénero atractivo e difícil como é a columna de xornal.

Na clausura do simposio sobre a figura de Casares, que empezou o mércores, Freixanes centrouse na súa capacidade de sedución desde a narración oral á escritura.

Neste sentido, considerou que a "oralidade" que lle permitiu achegarse ao seu público está presente, en especial, nas columnas xornalísticas. "Carlos Casares tiña unha gran capacidade de comunicación, e mesmo creación, nas distancias curtas. Esa oralidade seguramente onde máis intensamente se expresa é nas columnas que escribía no xornal, nelas dá a sensación de que está a falar contigo", relatou o presidente da Academia.

No seu relatorio, titulado Carlos Casares, a sedución da palabra, repasou o seu papel na prensa diaria, con impacto nun importante número de lectores. "A columna é o máis próximo que temos á oralidade, ás distancias curtas co lector, por iso é tan atractiva para o escritor e tamén tan difícil", engadiu, segundo informa a RAG a través dun comunicado.

O simposio permitiu profundar, desde visións plurais, nunha figura polifacética, cun legado destacado non só no literario, senón tamén no campo institucional e das estratexias culturais.

Comentarios