Un recluso moi perigoso agride a tres funcionarios na prisión da Lama

Denuncian que é o terceiro incidente grave que se produce nos últimos dez días

Prisión da Lama. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Prisión da Lama. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Tres funcionarios da Lama foron agredidos por un recluso catalogado como perigoso, segundo informaron os sindicatos do penal pontevedrés, que volveron a alertar dun "progresivo aumento da conflitividade".

Este incidente, o terceiro nos últimos dez días, produciuse este luns cando un interno do módulo 11, ocupado por presos que son multirreincidentes, agrediu a un dos seus compañeiros.

Tras a intervención de varios funcionarios, o preso foi trasladado a illamento e alí, cando os tres traballadores de servizo se dispuñan a proporcionarlle o colchón para a cela, abalanzouse sobre eles e non lograron reducilo ata a chegada de máis reforzos.

A pesar de estar inmobilizado, o preso seguiu proferindo todo tipo de ameazas cara aos traballadores e non cesou na súa actitude, polo que foi necesario suxeitalo con correas nunha cela especial ata que se tranquilizou.

Coa cela de illamento inutilizada, ao atoparse na galería que ocupa en exclusiva Fabrizio Joao Silva, considerado como o preso máis perigoso de España, o recluso tivo que ser trasladado a Enfermería, que dispuña de celas con padiolas para inmobilizalo.

A consecuencia deste altercado resultaron lesionados dous dos funcionarios que interviñeron, que foron atendidos na propia Enfermería do centro, aínda que as súas feridas non revisten gravidade.

Dous precedentes
Hai dez días, sosteñen os traballadores, un nutrido grupo de funcionarios tivo que empregarse a fondo para reducir a outro interno do módulo 14 caracterizado pola súa gran envergadura física, aínda que nesta ocasión non houbo que lamentar danos.

O terceiro incidente máis recente foi o pasado 12 de maio cando un interno que fora destinado ao módulo terapéutico, onde se segue un programa de deshabituación de drogas, foi expulsado por problemas de convivencia.

Ao comunicarlle que debía abandonar o módulo, reaccionou de xeito agresivo e, segundo explicaron os sindicatos, parapetouse na cela, rompeu unha cadeira de plástico coa finalidade de utilizar as patas como arma e asperxeu o chan con xel de baño para provocar que os funcionarios escorregasen.

A continuación saíu ao corredor da galería e situouse ao fondo blandindo dúas patas da cadeira con arestas afiadas e retando aos traballadores. Estes interviñeron provistos de traxes de protección e escudos e tras un longo forcexo conseguiron porlle os grilletes e trasladalo a illamento.

Comentarios