Opinión

Reducirmos a Administración do Estado

LEVO DENUNCIANDO máis de catro anos a incapacidade das esquerdas españolas para artellar unha coalición progresista de Goberno canda as forzas soberanistas e territoriais das distintas nacións e rexións do Estado. Porén, recoñezo que a alternativa da dereita extremista e trifásica, do españolismo do "a por ellos", é moito peor. Mais cómpre recoñecer que a estrutura do novo Goberno, con 22 departamentos —4 deles vicepresidencias— é desaquelada, como todas as dos anteriores gobernos do Estado desde final do século XX, logo da gran descentralización de gasto e xestión (non así de ingresos nin de normativas) operada nesa época.

Créase un Ministerio de Consumo para a cota IU de Unidas Podemos cando todas as competencias están transferidas. Mesmo engadíndolle as competencias de xogo, ata agora en Facenda, fica o departamento no absoluto baleiro, pois o que ordena o sector do xogo é de competencia autonómica.

Sanidade e Educación non teñen competencias de xestión e executivas reais, só as da lexislación básica. Traballo só retén competencias normativas; a xestión e execución son autonómicas. Cultura e Deporte e tamén Vivenda están transferidos, canda moita parte das políticas de Igualdade.

Vintedous departamentos, con 17 delegados de Goberno e máis de 60 subdelegados xunto co resto dunha administración periférica do Estado totalmente prescindible. Mais esta decisión vén dun Goberno que, teoricamente, acredita no afondamento do Estado autonómico, como vén de se comprometer co BNG e PNV para a substancial ampliación dos autogobernos galego e vasco. Xa que logo, as grandes duplicidades administrativas que existen e existirán, por mor do sobredimensionamento da Administración do Estado, só se entenden para contentar os intereses burocráticos —permanentes— de todos e cada un dos partidos estatais: colocar cantos máis cadros mellor.

O esquema orgánico deste Goberno —e de anteriores— xera gasto improdutivo, duplicidades administrativas a eito e vai contra a corrente xeral dos países modernos e progresistas, que apostan por xestionar e gobernar en rede e horizontalmente, no canto dos vellos esquemas centralistas dun único cerebro que coñece todo, pode con todo e é quen de mandar en todo.

Comentarios