O rei Juan Carlos transmitiu a Felipe VI a súa "meditada decisión" de trasladarse a vivir fóra de España ante a repercusión pública de certos "acontecementos pasados" da súa vida privada, informou este luns o Palacio da Zarzuela nun comunicado.
O comunicado explica que don Juan Carlos enviou ao seu fillo unha carta na que lle traslada esa decisión, que asegura que adopta "con profundo sentimento, pero con gran serenidade".
"Fun rei de España durante case corenta anos, e durante todos eles sempre quixen o mellor para España e para a Coroa", asegura o anterior xefe do Estado.
Engade así mesmo que pretende facilitar o exercicio das funcións de Felipe VI "desde a tranquilidade e o acougo que require –subliña– a túa alta responsabilidade".
Nin a carta, nin o comunicado do Palacio da Zarzuela dando conta da mesma, nin o escrito feito público pouco despois por Sánchez Junco, informan o lugar ao que se trasladará o pai de Felipe
"O meu legado e a miña propia dignidade como persoa, así mo esixen", engade don Juan Carlos na súa carta, na que recalca que adopta a decisión co mesmo afán de servizo a España que inspirou o seu reinado.
Recorda que hai un ano trasladoulle a súa vontade e o seu desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais e sinala que agora toma esta decisión guiado polo convencemento de prestar o mellor servizo aos españois, ás súas institucións "e a ti –escribe dirixíndose ao seu fillo– como rei"
O comunicado de Zarzuela, que sinala que Felipe VI transmitiu ao seu pai "o seu sentido respecto e agradecemento ante a súa decisión".
"O rei –reza o texto– desexa remarcar a importancia histórica que representa o reinado do seu pai, como legado e obra política e institucional de servizo a España e á democracia; e ao mesmo tempo quere reafirmar os principios e valores sobre os que esta se asenta, no marco da nosa Constitución e do resto do ordenamento xurídico".
Tras o comunicado de Zarzuela, o avogado de don Juan Carlos, Javier Sánchez Junco, emitiu outro no que informa de que o anterior xefe do Estado deulle instrucións para que faga público que, a pesar da súa decisión de trasladarse fóra de España, "permanece en todo caso a disposición do Ministerio Fiscal para calquera trámite ou actuación que se considere oportuna".
Nin a carta, nin o comunicado do Palacio da Zarzuela dando conta da mesma, nin o escrito feito público pouco despois por Sánchez Junco, informan o lugar ao que se trasladará o pai de Felipe VI.