O Reino Unido pedirá á UE atrasar o Brexit

A prórroga consumásese no caso de que ningún país membro se opoña

Varios opositores do Brexit meniféstanse en Westminster.ANDY RAIN (Efe)
photo_camera Varios opositores do Brexit meniféstanse en Westminster.ANDY RAIN (Efe)

O Goberno do Reino Unido pedirá á Unión Europea (UE) atrasar a data de saída do país do bloque, fixada o 29 de marzo, para tratar de acordar co Parlamento unha folla de ruta, tras o contundente rexeitamento do plan gobernamental.

A Cámara dos Comúns apoiou este xoves por 412 votos fronte a 202 pedir aos Vinte e sete que se amplíe o período de negociación mediante a prórroga do artigo 50 do Tratado de Lisboa, o que significa que a primeira ministra, a conservadora Theresa May, non cumprirá a súa promesa de sacar ao país da UE a finais deste mes.

En resposta á votación, a Comisión Europea sinalou que a extensión do artigo, cuxa activación polo Reino Unido deu inicio aos dous anos de conversacións entre Londres e Bruxelas, "require o consentimento unánime dos 27 Estados membros".

"Será o Consello Europeo o que considere a solicitude" no seu cume dos días 21 e 22 de marzo, sinalou un portavoz.

Os deputados británicos apoiaron este xoves unha moción gobernamental que di que o Executivo pedirá unha prórroga técnica ata o 30 de xuño se os Comúns aproban un acordo de Brexit antes do 20 de marzo –a véspera da reunión do Consello– e máis longa se non hai pacto.

No segundo caso, precisa o texto, o Reino Unido tería que xustificar ante os líderes europeos "o propósito" da prórroga e, se a concedesen, o país debería concorrer ás eleccións europeas que se celebrarán entre o 23 e o 26 de maio.

Ao iniciar este xoves o debate en Westminster, o ministro do Gabinete, David Lidington, explicou que, se o acordo do Goberno volve ser derrotado cando se vote seguramente o vindeiro martes, a cámara terá "dúas semanas" logo do cume comunitario para votar sobre diferentes alternativas a fin de acordar un plan.

May quere someter o seu tratado para a saída da UE a votación por terceira vez a semana próxima, unha vez de que xa fose rexeitado con contundencia o 15 de xaneiro, por unha marxe de 230 votos, e o 12 de marzo, por 149.

Nos próximos días, espera convencer aos seus colegas conservadores euroescépticos e os seus socios parlamentarios do Partido Democrático Unionista (DUP) de Irlanda do Norte de que apoien o seu pacto en lugar de arriscarse a que, coa prórroga, non chegue a producirse o Brexit.

A UE reiterou que se Londres pide ampliar as negociacións ten que explicar os seus motivos, como prevé acordar unha proposta maioritaria nos Comúns e que tipo de relación querería ter co bloque comunitario unha vez fóra.

Con todo, o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, afirmou este xoves que, nas súas conversacións previas ao cume europeo da semana próxima, pedirá aos líderes comunitarios que acepten unha prorroga "longa" se o Reino Unido decide reformularse a súa estratexia.

Antes de aprobar a moción gobernamental, os deputados rexeitaron tres emendas á mesma, entre elas unha que pedía atrasar a data de retirada para celebrar un segundo referendo do Brexit –tras o de 2016–, que foi descartada amplamente ao non contar co apoio do Partido Laborista, que xulgou que non era o momento de pronunciarse sobre o asunto.

Outra emenda que tamén foi derrotada foi a desa formación, primeira da oposición, que pedía a ampliación do artigo 50 para dar tempo a lograr un consenso nos Comúns ao redor dun plan alternativo ao do Goberno.

A terceira, derrotada por só dous votos, propuña que o 20 de marzo un grupo de deputados de todos os partidos tomase o control da axenda parlamentaria para organizar a votación de varias vías alternativas no proceso de Brexit.

Comentarios