Blog

Réquiem por Manuel de Paderna

No El Progreso do día de San Xosé lin unha noticia que me deixou abraiado: a esquela de Manuel Redondo Paderna.

MANUEL DE Paderna, como lle chamábamos todos, era, sin dúbida de ningún clás, o home máis impresionante, a personalidade humán máis rica, máis fonda e máis solprendente que, no que vai de século, deu a vila de Outeiro de Rei.

Paderna, que nunca se atou a nada nin a ninguén, morreu solteiro, aos cincuenta e nove anos de idade. A súa vida foi ben sinxela. Seu pai era canteiro i a nai tiña terras de seu. A familia foi saíndo adiante como puido. Na vida do meu avó, Manuel de Paderna estivo de pastor na miña casa. Despois estivo en Vilanova, na casa da miña nai. Andivo na Garda Civil i chegou a cabo de infantería. Así que o licenciado voltou de novo pra Outeiro de Rei i seguiu traballando tempadas na nosa casa, deica acadou a praza de alguacil do Concello. Foi labrego, pastor, algo canteiro, algo carpinteiro, barbeiro, alguacil do Concello, home aberto a moitos saberes, dunha curiosidade universal e, sobor de todo, poeta.

Estou vendo aínda a figura miuda de Paderna, cos seus ollos vivos e intelixentes, a súa risa aberta i a veces algo burlona, ou a súa palabra súpeta nos mediodías do vrao, debaixo da nogueira prantada por miña nai, que está no curral da nosa casa, inventando cantigas, cheas de enxeño, de sabor e sabiduría popular e teorizando encol da sutileza e da complexidade dun sentimento, que el analizaba cunha solprendente agudeza, ou contando algún dos seus amores. Manuel de Paderna era un home que falaba moito e ben e tiña un gusto innato pola poesía. El foi quen lle meteu no corpo, a este homilde servidor, o vicio de facer versos. Outra das especialidades de Paderna, que sempre me ademirou, era arar. Nunca vin sucos tan fondos, tan anchos e tan dereitos como os que el facía. As aradas feitas pola mao de Manuel de Paderna eran unha xeometría poética, sotil e namorada.

Manuel de Paderna, home dunha humanidade desbordante e desbordada, era un ser increíbel. Eu teño o honor de ser un pouco o seu cronista, aínda que a súa humanidade é imposíbel de pechar nunha palabras probes e torpes como son as miñas. O conto xuvenil Manuel, el Barbero, que publiquei en Vida Gallega; A rosa, que forma parte dos meus Contos en cuarto crecente,... i a noveliña corta O xornaleiro, que está publicada en Buenos Aires, están inspirados en Paderna. No meu ‘Terra Cha’ hai tamén hai unha alusión a Paderna. Na miña adolescencia e mocidade teño tripado moitas veces a miña comarca natal na compañía de Paderna. Temos idos xuntos a moitas romerías. Moito temos falado polos camiños chairegos. Moitos vasos de viño temos bebido xuntos polas tabernas da Terra Cha e nas de Outeiro de Rei: na desaparecida taberna do Arrieiro, na de Salgueiro, en casa de Roibás,... moito temos farreado en Lugo, no San Froilán. Moito temos soñado xuntos á veira do Miño ou nas noites tépedas do vrao, paseando pola estrada, ou sentados na Placiña do Concello, ou tomando o fresco no sentadeiro do Xordo, ou debaixo da sombra das oliveiras de Laverde. Moito temos teorizado encol do divino e do humano.

Pola Navidá, algús anos, no espello da barbería, Paderna escribía con tiza, en verso como era de obriga, a felicitación para os seus clientes

Cando Paderna abriu barbería en Outeiro de Rei, o local da súa «industria», como él gostaba de decir, era punto obrigado de xuntanza da mocidade da vila. O eixo sobor do que xiraba a vida social do pobo. Manuel de Paderna mentres «servía» ó cliente de turno, falaba de todo canto hai, dende as romerías do contorno, deica a política municipal, pasando polas noticias de El Progreso, que lía na casa de Roibás, pola poesía, polo fútbol, pola Filosofía Política; unha Filosofía Política que el inventaba e que era deliciosa, disparatada e poética. Pola Navidá, algús anos, no espello da barbería, Paderna escribía con tiza, en verso como era de obriga, a felicitación para os seus clientes. Lembro que nunha desas felicitacións chamábase a si mesmo «carballo de dura cerna». O poemiña, que reproduzo de memoria, dicía así:

Señores: Manuel Paderna,
carballo de dura cerna,
diante o ano que vai vir 
con todos quere cumprir
I esta é, para todo cabrón,
a miña felicitación.

Por certo, que Paderna comentou comigo que puxera a palabra cabrón por dificultás de rima.
Non vou poñer ilusión —dixera e— porque eu ilusións non teño moitas i é unha palabra moi cursi. Ademáis, a palabra cabrón vén nos clásicos.

Manuel de Paderna nesto, como en todo, tiña razón. Sinto non gardar na memoria máis textos seus. Estou case seguro que deixou moi pouquiños versos escritos, si é que se conserva algún. Paderna, como tódolos grandes e verdadeiros maxinativos, era moi perguiceiro para escribir. As derradeiras veces que fun a Outeiro de Rei xa non puiden falar con Paderna. A porta da súa barbería estaba pechada. Paderna estaba, moi maliño, en Lugo.

Manuel de Paderna era unha voz enterga, misteriosa e inspirada, testimuña dun vello saber popular que vén de moi lonxe,


Manuel de Paderna era un home deses que xa non quedan. Un home como Pepe da Costa, seu antecesor como alguacil do Concello e tamén poeta popular, aínda que non tan profundo como Paderna. Un home dunha peza como o lexendario Xosé de Hortas ou Xan de Montes. Coa morte de Manuel de Paderna a vila de Outeiro queda moito máis probe. Moito máis. As súas palabras facían contrapunto ó ruxir do vento chairego entre as follas das albres do campo de Santa Isabel i o marmurio namorado das ondas do Miño. Non queda ninguén no pobo que lle poida falar aos rapaces coa autoridá e beleza, co inxenio con que o facía. Paderna de menciña, de fútbol, dos movimentos dos astros, de lúas e de sementes, de filosofía política, de romerías e de rapazas. Tampouco queda quen poida facer unha improvisación en verso ou un pareado agudo, picante como un allo, sobor de calquera acontecer. Manuel de Paderna era unha voz enterga, misteriosa e inspirada, testimuña dun vello saber popular que vén de moi lonxe, luídos pelos séculos, cecáis pelos milenios. I esta voz que tiña moito de milagreiro, emudeceu para sempre. Os ditos de Paderna, as súas ocurrencias, eran algo esencial no ser e no vivir de Outeiro de Rei. Algo que se perdeu para sempre. Pero que quedará vivo na sensibilidade do pobo. O pobo sabe recoñecer e recoller, gardándoo no fondo da súa alma anónima e coleutiva, aquelo que o representa e que o enriquece espiritoalmente.

Agora que é primaveira, unha primaveira recén estrenada, que o mundo desperta e fala, por estrana e dorosa paradoxa, durmiuse para sempre e calou tamén para sempre —el que era un falador— Manuel de Paderne. Os ríos de Outeiro de Rei —o Miño caudal e silandeiro, o Ladra cantareiro, o río de Robra i o homilde regato do Cepelo— marmularán máis dispaciño, melancólicos e tristeiros, en honra, relembro e homenaxe a ese home poeta, maxinativo e namorado que foi Manuel de Paderne. Porque os ríos i os ventos, as albres i as estrelas son aínda amigos dos poetas. Aínda que os poetas non anden en papeles impresos, nin os estuden os entendidos i os eruditos. Aínda que os poetas sexan homes de pobo sinxelos, homildes e verdadeiros como Manuel de Paderna. Aínda que os homes cangados de razón e de senso común, os ‘finos’, tomen un pouco a broma e non teñan en consideración a homes como Manuel de Paderna. 

Paderna sabía, entre outras cousas, o valor que ten unha canción.

Comentarios