O Resurrection Fest anuncia a Slipknot como cabeza de cartel

A banda estadounidense, que estrea disco en 2019, estará en Viveiro o próximo verán

Slipknot. EP
photo_camera Slipknot. EP

Slipknot, a banda estadounidense de metal alternativo, será cabeza de cartel no Resurrection Fest Estrela Galicia 2019.

A organización do festival anunciou o bombazo este martes ás 15.00 horas. "Por fin, a banda máis pedida ao longo da nosa historia durante todos estes anos pisará Viveiro", explican. As negociacións "levaron anos" pero culminaron en bo porto, polo que Corey Taylor e os seus volverán a España unha década despois.

Os de Des Moines, unha das principais bandas de metal do mundo, regresan ademais en 2019 cun novo disco. No Resu non faltarán ningún dos seus éxitos. "Farán un concerto de produción completa, prometendo ser un dos concertos máis brutais que xamais vimos no festival", indica a organización, que engade que aínda quedan "moitas máis sorpresas e bandas por anunciar". 

Por agora xa está confirmado que por Viveiro desfilarán do 2 ao 5 de xullo grupos como Within Temptation, Cradle Of Filth, Crystal Lake ou Cult of Luna, entre outros moitos.

Comentarios