Imprimir

"Ricardo Portela ensinoume que a nosa música era unha misión"

Sara Vila | 09 de agosto de 2020

Xira Carlos Núñez.CEDIDA
Xira Carlos Núñez.CEDIDA
Tras 30 anos de traballo,Carlos Núñez vén de publicar o legado musical de Ricardo Portela, ao que define como "o último samurai da dinastía de gaiteiros pontevedreses". A transcrición de pezas que doutro xeito se perderían dálle unha especial relevancia ao libro, que rematou durante o confinamento. 

A MÚSICA ELEGANTE e cerimonial que os gaiteiros de Pontevedra mantiveron é xa un libro grazas ao traballo de Carlos Núñez, coa colaboración do Consello da Cultura Galega. Ademais, Carlos Núñez está inmerso na xira 'Lugares Máxicos', que pasará por Marín o vindeiro 16 de agosto (Finca de Briz, 21.00 horas). Neste encontros, os espazos xogan un papel principal e inflúen de xeito determinante na música. En Marín, o concerto estará vencellado co universo pirata e corsario.

Vostede atesouraba o legado de Ricardo Portela. Como foi o proceso de aprendizaxe directa do mestre de Viascón?
A Ricardo Portela coñecino con 12 anos e impactoume moito. Non só polo xeito de tocar, que gardaba esencias dos gaiteiros históricos. Coñecer a Ricardo Portela era como coñecer ao último samurai, o último gran gaiteiro da dinastía dos gaiteiros pontevedreses, que gardaba esencias do Gaiteiro de Soutelo, de Xan de Campañó, de Manuel Villanueva de Poio ou de Perfecto Feijóo. El era o último eslabón da antiga dinastía de gaiteiros solistas de Pontevedra. Eu tiven a sorte de coñecelo moi noviño. Acompañabanos cando estabamos nun grupo didáctico de Antón Corral, un gran artesán que chegou a Vigo nos anos 80 e fundou ese obradoiro que se converteu nunha especie de catedral da música tradicional. Eu tiven a sorte de aprender e tocar con el. Iamos a colexios e intitutos de toda Galicia a levar toda esta música para que a xente a coñecese. Ricardo ensinoume que a nosa música non era un traballo, era unha misión. Tiñamos a misión de que non morrese todo iso. Por iso foi unha grande responsabilidade que me pedise que transcribise Aires de Pontevedra, unha peza que para el tiña un grande significado. Estaba na idea de todos os gaiteiros a creación dun sistema de escritura que permitise transcribir a música de grandes como Ricardo Portela. Dende moi noviño fun a Bretaña a ver o sistema de escritura para coñecer como transcribían. Pouco a pouco fun creando un sistema que me permitiu facer esas transcricións. Foi un proceso de 30 anos que puiden rematar neste confi namento. Foi moi duro pero a verdade é que estou moi contento. Estou moi agradecido ao Consello da Cultura Galega porque me animou a rematar ese proceso. O libro xa está dispoñible para todo o mundo de xeito gratuito, para quen queira acceder a ese tesouro que nos deixou Ricardo Portela, na web do Consello da Cultura Galego. Fixeron un traballo extraordinario, unha edición de luxo. É un regalo que quero deixar aos gaiteiros máis novos de Galicia. O exemplar número un démosllo á familia de Portela. A edición de luxo será editada en setembro. Estou moi contento de, 30 anos desopois, ter cumprido coa promesa que lle fixen a Ricardo Portela.

"A nosa música está en continuo movemento, esa é a filosofía da música tradicional"

Non había xeito de representar a música de Portela, pero aprendíase de memoria nas escolas de gaita ese sistema?
Non, iso só o facía o propio Ricardo Portela cos seus alumnos e facíao de xeito oral, de memoria. Ten unha especial complexidade, porque unha soa peza de Ricardo Portela, como a Muiñeira de Ponte Sampaio, ten 500 notas. E desas 500 notas, o 60% son adornos. Se non houbese ese sistema que fomos aplicando que eu aprendín e creei perderíamos ese 60% desa información, que ademais tiña moita historia, porque algúns deses picados xa os facían gaiteiros como Xan de Campañó ou Perfecto Feijoo. Calquera gaiteiro curioso e novo que queira aprender ese legado de Ricardo Portela teno á súa disposición.

Vostede que ten feito un grande traballo de exploración musical, intúe que se ten perdido moito da riqueza cultural por non tela escrito?
Cando eu presentei o meu primeiro disco, 'A irmandade das estrelas' e houbo unha grande reunión en Alemaña de todos os representantes da compañía discográfica en Europa. Cada país daba unha idea daquel disco e lembro ao representante de Austria, cuxa única preocupación era como se podía escribir todo ese coñecemento para que non se perdese. Entón eu díxenlle que isto non era como a música clásica ou outras músicas fixas e rematadas, senón que son músicas en continuo movemento. Ricardo Portela cambiou cousas naquela antiga alborada que se tocaba en Pontevedra, que aprendeu en Caracas nos anos 50 e á que lle chamou Aires de Pontevedra. Cando nós tocamos Aires de Pontevedra polo mundo con gaiteiros de todas partes tamén a cambiamos. Son músicas que están en continuo movemento, esa é a filosofía da música tradicional. Non é algo rematado, está en construción. O grandioso que ten a nosa música é iso. Garda cousas dende os petróglifos. Ten esa capacidade de facerte viaxar no tempo. É como unha máquina do tempo, como me dixo un periodista americano.

E sobrevive ás modas.
Cando falamos de instrumentos doutras épocas, Galicia ten unha lira debuxada nun pretóglifo da Idade do Bronce. Na Idade Media tamén os lingüistas atopan cousas que conectan coa música, porque as muiñeiras xa aparecían nas cantigas. Hai picos de popularidade durante a historia. Como cando, de súpeto, se pon de moda a 'New Age' a finais de milenio. Pero de pronto ves tamén musicas indies e americanas que seguen manexando códigos e modos que viaxaron de Irlanda, Escocia e España cara a América. Iso quere dicir que a nosa música é única, como todos, pero á vez, tamén é universal.

"Sempre se dixo que as mellores pandeireteiras son da Costa da Morte e os mellores gaiteiros, das Rías Baixas"

O papel dos gaiteiros de Pontevedra é moi relevante. Reinvindican as Terras de Pontevedra esa importancia?
Sempre houbo unha especie de crenza oculta entre os músicos de Galicia de que as mellores pandeireteiras eran as da Costa da Morte e os mellores gaiteiros, os das Rías Baixas. Non cabe dúbida de que nas Rías Baixas algo acontece coa gaita. É como cando vas a Irlanda e hai partes nas que está máis viva que noutras. Nas Rías Baixas é fascinante porque cada ría ten a súa propia personalidade. O outro día eu falaba con Xosé Ferreirós, de Milladoiro, e el estaba de acordo comigo. A Ría de Pontevedra ten algo de señorío, Ricardo Portela dicía que facían as pezas alegres e dándolle un certo sentido cerimonial. Podemos dicir que é a ría que ten un xeito de tocar máis elegante. A de Vigo é pura paixón, enerxía... Seguramente hai un compoñente moi americano polos barcos. Os gaiteiros de Vigo tiveron que adaptarse as músicas que chegaban de México ou Cuba para sobrevivir. Estiveron moi pendentes das modas de América. A de Pontevedra gardou máis as esencias antigas, é unha cápsula do tempo. O Museo, en concreto, soubo gardar toda unha linaxe de gaiteiros, cun sentimento aristocrático de estirpe. Eu sempre falo da dinastía dos gaiteiros solistas de Pontevedra. Porén, a Ría de Arousa tira máis a Vigo, ese espírito latino de festa.

"Se estiveramos en Xapón ou EEUU farían unha película sobre a dinastía dos gaiteiros de Pontevedra, unha estirpe"

Digamos que en Pontevedra son máis estirados e na Arousa máis festeiros.
Claro, a romería vikinga é en Catoira, pero esas procesións máis cerimoniosas como o Chucurruchú, traían asociada unha serie de marchas e alboradas. Pontevedra gardou todo iso. En toda esta análise do libro, o verdadeiramente importante é como aprendín que certo picado ou adorno xa o facía aquel gaiteiro en Poio, ou en Terra de Montes. Iso gardouse como unha dinastía. Se estiveramos en Xapón ou en América farían unha película sobre eles.

Agora comeza unha nova xira de pequenos concertos en espazos tamén reducidos.
Si, son concertos moi vencellados aos lugares. Por exemplo, no concerto de Marín do próximo 16 de agosto, faremos fincapé nas músicas de corsarios e piratas. Hai anos demos un concerto en Londres xunto a un grupo co que traballamos moito as músicas dos galeóns e, para min, Marín e a Ría de Pontevedra son refuxio de piratas e corsarios con moitas esencias do mar. Tamén estivemos no Pazo de Baión no que tocamos outro tipo de cousas. Ese espazo está máis vencellado ao mundo barroco, ao aire libre, no Salnés, o viño. Isto de tocar en lugares especiais aprendémolo polo mundo. En EEUU é habitual que as grandes estrelas da música toquen en lugares íntimos e acolledores. Un día demos un concerto deste tipo en California e os estadounidenses amosáronnos como plantaban albariño. Entón preguntámonos que facíamos alí dando un concerto coa cantidade de adegas de albariño que temos aquí, que son históricas. Iso animounos. Empezamos hai xa uns anos e, este verán, a nova situación, estanos demostrando que será o futuro. A música está buscando novos lugares. Xa non é a música de sitios feos e masificados. De concertos contaminantes.

Non lle gustan entón os grandes estadios?
Eu teño tocado en estadios de fútbol, con 80.000 persoas. Son ocasións especiais. Pero no verán está ben traer a música a lugares con significado.

Tamén se crea unha relación máis próxima co público.
Iso é unha marabilla. É un luxo que poidamos facer estes lugares máxicos. Eu recordo un concerto en Campo Lameiro, no parque rupestre, con arquéologos que comentaban os instrumentos que se teñen descuberto nos petróglifos da Idade do Bronce en Galicia. Non ten nada que ver un concerto alí, en acústico, con outro de corsarios e piratas en Marín. Cada música foi pensada para un lugar. Os espazos inspírante para un concerto. Ese tipo de actuacións de grande formato ensináronnos a construír as cancións doutro xeito. O famoso Brian Eno, produtor de U2 e Coldplay, nunha cea que tivemos con el na provincia de Pontevedra, comentounos que eles buscaban os 'stadium sounds', eses grandes himnos con poucas notas que permiten que milleiros de persoas canten á vez. Eu tiven que aprender a facer unha música galega e celta para os estadios de fútbol. Cando a levamos 'Aires de Pontevedra' ao estadio de Saint Denis, en París, tivemos que baixala de tempo, non facela tan virtuosa, e convertela nun himno intercéltico con gaiteiros de todo o mundo, para que as persoas no público desen palmas. O lugar impón unha linguaxe na música. Iso é fermoso.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/ricardo-portela-ensinoume-nosa-musica-era-mision/20200809170101082942.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)