Roberto Tojeiro deixará de ser o presidente do grupo Ifa

A substitución tomarao Jerónimo Martín, de 39 anos, que se ocupará de coller as rendas do grupo e de dar continuidade ao modelo de negocio

Roberto Tojeiro. PEPE FERRÍN
photo_camera Roberto Tojeiro. PEPE FERRÍN

O grupo Ifa aprobou cambiar de presidente do consello de administración logo de 18 anos con Roberto Tojeiro no cargo, quen será substituído por Jerónimo Martín.

Nun comunicado, a compañía explicou que Martín –quen ademais de presidente exercerá tamén de conselleiro delegado– ocupará esta posición en calidade de director xeneral do grupo andaluz de supermercados MAS, que é membro de IFA.

O novo presidente do consello naceu en Sevilla, ten 39 anos e é licenciado en Administración e Dirección de Empresas e conta cun MBA realizado en Estados Unidos.

Martín substituirá a Roberto Tojeiro, galego de 57 anos que encabeza a cadea de supermercados Gadisa e que xa anunciara a súa intención de deixar o cargo e renovar o consello.

"Debemos seguir apostando polo modelo do noso grupo, baseado nos frescos, a proximidade e a capacidade de elección do consumidor. Continuaremos o camiño emprendido polo anterior consello adaptándonos, como sempre fixeron as nosas empresas, aos retos do presente e do futuro", explicou o novo presidente e conselleiro delegado de IFA.

A facturación total dos supermercados asociados ao grupo IFA durante o exercicio 2018 disparouse un 43 %, ata superar os 24.000 millóns de euros, pola incorporación da cadea italiana VéGé, mentres que o beneficio da compañía como tal se mantivo nos 2,8 millóns.

A central de compras IFA agrupa a unha trintena de cadeas rexionais de supermercados -a madrileña Ahorramas, as catalás Condis e Bon Preu, as andaluzas Cash Lepe e Dani, a canaria Dinosol, a galega Gadisa ou a asturiana Alimerka, entre outras-, ás que en 2017 sumou a portuguesa Sonae e en 2018 a italiana VéGé.

Comentarios