Sabela aférrase ao galego na loita de 'OT'

A pontesa cantará esta noite o tema Benditas feridas de Rosa Cedrón para non ser a primeira expulsada

Sabela. RTVE
photo_camera Sabela. RTVE

Sabela Ramil, a concursante pontesa de Operación Triunfo, tratará de evitar na noite deste mércores (22.35 horas) ser a primeira expulsada do talent show coa súa interpretación en solitario da canción Benditas feridas, da cantante e compositora de Monforte Rosa Cedrón.

Sabela deberá conseguir máis favor do público -nos votos telefónicos, por SMS e na app- que Alfonso, o outro candidato a abandonar a academia, que pola súa banda fará unha versión en spanglish de All of Me de John Legend. A concursante nada en Bravos, no municipio mariñao de Ourol, que o luns cumpriu 25 anos, contará en plató co apoio da súa nai, Mari Rivera, e do seu mozo, Chus.

A escolla de Benditas feridas, unha composición en galego e moi descoñecida para o gran público, ten creado durante toda a semana na que Sabela defende a súa permanencia en OT un clima de simpatía cara á triunfiña. O vídeo da canción na canle oficial de YouTube contaba ata a madrugada do luns, cando Sabela fixo pública a súa decisión, con 53 visitas. Agora son case 70.000.

A gala 2 de Operación Triunfo contará coas actuacións convidadas de Lola Índigo, o proxecto de Mimi Doblas, a primeira expulsada de OT 2017, e de Tequila, a banda hispanoarxentina fundada na Transición por Alejo Stivel, Ariel Rot, Julián Infante, Felipe Lipe e Manolo Iglesias.

Dúas novidades se producen tamén no programa da noite deste mércores entre os integrantes do xurado. Por unha banda, a cantautora canaria Rosana substituirá a Ana Torroja por motivos de axenda e a cuarta integrante do comité de expertos avaliador será Julia Gómez Cora, un dos grandes nomes da produción de teatro musical en España.

Comentarios