Un condutor dun vehículo que se saíu da vía cando circulaba por un tramo de autovía do municipio pontevedrés de Mos saíu ileso, pero os axentes que acudiron a rescatalo comprobaron que quintupricaba o límite legal da taxa de alcol para poder conducir, segundo informou hoxe a Garda Civil.
O home, de 56 anos residente en Mos, o pasado sábado ás 18:30 horas viaxaba só no seu vehículo por un tramo da autovía A-55 nas proximidades de Tameiga e, no quilómetro 11,2, saíu da vía e quedou colgado sobre un desnivel nunha situación perigosa.
Aínda que o condutor puido saír do vehículo a pé e só tivo algunhas lesións, os axentes da Garda Civil que acudiron á zona procederon a efectuar un control de alcoholemia obrigatorio neses casos.
Ao comprobar que a taxa de consumo de alcol era ata cinco veces superior ao límite legal, os axentes abriron dilixencias por un presunto delito en materia de seguridade viaria e presentaron o asunto ante o Xulgado de instrución de garda do Porriño.