O Ministerio de Sanidade sumou 8.618 casos de coronavirus aos computados ata o venres, dos que 1.486 figuran como diagnosticados nas últimas 24 horas. Esta última cifra é inferior á rexistrada o venres, cando se contabilizaron 1.486 casos atribuídos á última xornada.
Así as cousas, o balance deste luns sitúa en 322.980 os infectados desde o comezo da pandemia en España, atendendo aos últimos datos comunicados polo director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias, Fernando Simón. As comunidades con máis positivos diagnosticados nas últimas 24 horas son Aragón (348), País Vasco (342), Madrid (224), Navarra (146) e Andalucía (133). Cataluña, pola súa banda, aparece con 76.
No caso de Galicia, na actualización de datos aparecen 234 casos máis dos computados no balance do venres e constan 46 detectados nas últimas 24 horas.
Simón asegurou que o incremento de casos en España está ligado aos brotes e a "certo" nivel de transmisión comunitaria nalgunhas zonas ao redor, precisamente, deses focos, pero apuntou que se atopan en fase de descenso e citou en concreto o caso de Cataluña. No que respecta a Aragón, dixo que parece que a situación se está "estabilizando en gran parte do territorio".
Na última semana rexistráronse 65 mortes en España, 38 delas en Aragón. Desde o inicio da pandemia morreron con coronavirus 28.576 persoas en España.
O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias explicou que o incremento de falecidos corresponde ao xoves, venres e sábado, fundamentalmente en Aragón, onde recordou que hai varias residencias afectadas, dúas delas cun "número importante" de positivos.