O sector biotech galego asume "un papel clave" na procura de solucións para o coronavirus

Bioga crea a plataforma web Bio Covid Galicia, "punto de encontro" do sector ante o escenario que xera o coronavirus
Un momento del encuentro. BIOGA
photo_camera Algúns dos participantes no 'bioalmorzo' online. BIOGA

A análise das medidas de apoio contra o coronavirus centrou este mércores un "bioalmorzo online" organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), nun momento no que o sector biotecnolóxico "asume con responsabilidade o reto de prepararse para combater esta pandemia e outras que poidan chegar nun futuro próximo".

Foi unha mensaxe que transmitiu a presidenta de Bioga, Carme Pampínquen asegurou que "o sector biotecnolóxico, e en xeral todo o ecosistema de innovación, está chamado a xogar un papel clave na procura de solucións e tratamentos para facer fronte á crise sanitaria" causada pola pandemia de Covid-19.

Pampín foi un dos máis de cen participantes no encontro, no que destacou que "nunca antes un bioalmorzo suscitara tanto interese e rexistrado tanta participación". Nese marco, e ante o novo reto, destacou que Bioga seguirá asumindo o protagonismo de apoio "a toda a cadea de valor do sector biotech galego", para "dotar as empresas das ferramentas necesarias para que poidan adaptar o desenvolvemento da súa actividade ao novo escenario".

Nesa liña, Bioga puxo en marcha nas últimas semanas a plataforma web Bio Covid Galicia, unha "canle de comunicación do sector bio" e "punto de encontro", para estar ao tanto da información, recursos e ferramentas.

"Unha vez superados os efectos da pandemia tamén haberá que continuar avanzando con outros proxectos biotecnolóxicos", constata unha experta

Tamén participou no encontro a directora de GAIN, Patricia Argerey, quen falou dos retos do sector e a estratexia da Administración autonómica en materia de innovación.

Mentres, Patricia Fernández, directora da oficina de Galicia da consultoría Zabala Innovation Consulting, especializada en innovación, deu a coñecer os apoios e axudas dispoñibles no ámbito de Europa, España e Galicia para combater os efectos xerados polo coronavirus.

MEDIDAS DE APOIO. Explicou así que as diferentes administracións están a desenvolver unha estratexia de apoio á economía e de protección da saúde a través de axudas para que as empresas poidan reorganizarse para producir material e novos desenvolvementos sanitarios, e de medidas e incentivos para facilitar a saída da crise.

A experta augura que haberá novos incentivos á I+D+i e que, ademais, flexibilizaranse as condicións das axudas vixentes á innovación. Ante a nova contorna, a executiva de Zabala Innovation Consulting apunta que as autoridades están a tomar conciencia de que "a ciencia é agora máis importante que nunca". E recomenda ás empresas galegas que aproveiten o "impulso" que recibirá a biotecnoloxía. Iso si, sen esquecer que "non todo é Covid-19". "Unha vez superados os efectos da pandemia tamén haberá que continuar avanzando con outros proxectos biotecnolóxicos".

Comentarios