A Seguridade Social gaña 85.735 afiliados no mes de febreiro

O paro baixou en 7.806 persoas, o mellor comportamento para este período desde 2017 
Oficina de emprego
photo_camera Oficina de emprego

A Seguridade Social gañou 85.735 afiliados no mes de febreiro, ata os 19,25 millóns de ocupados, no maior incremento para este mes desde 2015.

Segundo os datos facilitados este martes polos Ministerios de Traballo e Seguridade Social, no último ano creáronse 361.757 empregos, cun ritmo de crecemento anual do 1,92 %, no primeiro repunte desta taxa desde abril de 2019.

En canto ao paro, baixou en 7.806 persoas no mes, o mellor comportamento para febreiro desde 2017, o que deixa o total de parados en 3,2 millóns. 

Así, no último ano creáronse 361.757 empregos, cun ritmo de crecemento anual do 1,92 %, no primeiro repunte desta taxa desde abril de 2019. 

SECTORES. Por sectores, a afiliación creceu en febreiro na maioría con hostalería, con 26.184 afiliados máis; construción, que sumou 26.035 persoas; educación, con 21.026 máis, e industrias manufactureras con 10.001 ocupados máis como as maiores alzas.

Fronte a isto, o sistema agrario experimentou un descenso de 15.809 afiliados medios fronte a xaneiro, o que deixa o número de ocupados do sector en 746.739.

Doutra banda, o sistema especial de empregadas do fogar mantívose con 155 afiliados máis, ata os 394.151 afiliados medios.

Pola súa banda, o réxime de autónomos alcanzou os 3,257 millóns de afiliados medios, tras crecer en 6.777 persoas.

En canto ao paro por sectores, o paro rexistrado na industria baixou en febreiro en 2.259 persoas; en construción, en 4.819; e en servizos, en 9.485.

Fronte a isto, subiu na agricultura, en 2.855, e no colectivo sen emprego anterior, en 5.902.

O desemprego masculino baixou máis, en 7.005 homes ata os 1,34 millóns, mentres que só descendeu en 801 mulleres ata os 1,89 millóns.

Por idades, o desemprego entre os menores de 25 anos aumentou en febreiro en 7.208 persoas mentres que baixou en 15.014 nos de máis de 25 anos.

En febreiro, asináronse 1,59 millóns de contratos, o que supón unha subida do 1,51 % sobre o mesmo mes do ano pasado.

Deles, 178.193 foron contratacións indefinidas, o 11,2 % do total, e o resto, 1,4 millóns, o 88 %, eran contratos temporais.

Traballo destaca que non se asinaban tantos contratos indefinidos nun febreiro desde 2009.

GALICIA. O paro rexistrado baixou en 1.526 persoas en Galicia no mes de febreiro, un -0,91 por cento, de modo que a cifra de desempregados situouse en 166.229, segundo os datos facilitados este martes polos Ministerios de Traballo e Seguridade Social.

No último ano o descenso na Comunidade galega computouse en 7.480, un -4,31 por cento.

A Seguridade Social pechou febreiro cunha subida media de 5.848 afiliados (+0,58%) en comparación co mes de xaneiro, ata situar o total de cotizantes 1.012.354 persoas. Este avance na Comunidade galega, que rexistra o mellor febreiro desde 2008, é algo superior á media estatal (+0,4%). 

Ademais, son 15.043 afiliados máis que o mesmo mes do 2019, o que supón un 1,5% máis, de acordo cos datos que publica este martes o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. 

Este ritmo de avance en Galicia (+0,58%) é superior ao do conxunto estatal (+0,4%). A Seguridade Social pechou o mes cun ascenso medio de 87.735 cotizantes, o que implica o mellor febreiro desde 2015, cando gañou case 97.000 afiliados. 

Por provincias, os mellores aumentos rexístranos Pontevedra, con 2.323 afiliados máis (+0,66%); e A Coruña, con 2.713 (+0,63%). En Lugo, a subida en febreiro foi de 454 cotizantes (+0,38%), mentres que en Ourense foi de 358 (+0,35%). 

Na distribución por réximes, Galicia contabiliza 783.546 afiliados no xeneral (repartidos entre 752.244 do subtipo xeral, 5.486 do sector agrario e 25.815 do fogar). Mentres tanto, hai 208.095 autónomos e 20.713 no do mar. 

Comentarios