O Sergas aumentará as prazas no concurso oposición de acceso para médicos especialistas

Sanitarios en la Uci de un hospital. RAQUEL MANZANARES (EFE)
photo_camera Sanitarios en la Uci de un hospital. RAQUEL MANZANARES (EFE)

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) destacou este martes que ampliará o número de prazas convocadas no concurso oposición de acceso para persoal médico especialista. Así o sinala a Consellería de Sanidade nun comunicado, no que recorda que o Consello da Xunta aprobou a oferta de emprego público de persoal estatutario do Sergas deste ano, na que se autoriza a convocatoria de 973 prazas: 652 de persoal licenciado sanitario, 275 de persoal sanitario diplomado e de formación profesional e 46 de xestión e servizos. 

Así, ás 477 vacantes de licenciados sanitarios convocadas en decembro do ano pasado, sumaranse 506 novas derivadas da oferta de emprego público do ano 2020, alcanzando as 983 prazas. Tamén se incrementará a convocatoria de técnico en farmacia con dez máis, terapeuta ocupacional con seis e de pinche con 10 prazas máis. 

Está previsto que esta ampliación se publique de forma inmediata no Diario Oficial de Galicia (DOG), xa neste mes, tras a súa análise na Comisión Técnica de Procesos Selectivos e posterior negociación na Mesa Sectorial de Sanidade prevista para o vindeiro luns.

A Xunta asegura que este incremento de prazas e a súa acumulación ao proceso selectivo xa convocado permitirá a incorporación dun maior número de profesionais fixos nun menor espazo de tempo, que redundará nunha maior estabilidade, á vez que fará máis atractiva para os aspirantes a participación no proceso selectivo. 

Coa publicación no DOG desta ampliación, reabrirase a inscrición previsiblemente neste mes de decembro, para a presentación de novas solicitudes, e o cambio de quenda de participación dos aspirantes inscritos que así o desexen. 

Comentarios